Portal Educación Cívico Tributaria. Agencia Tributaria. - Profesores versión flash

Axencia Tributaria, coa colaboración do Instituto de Estudios Fiscais.

¿Dende cando hai impostos?

  1. Obxectivos
      
  2. Contidos
      
  3. Recordemos que...
     
  4. Glosario
     
  5. Suxestións de uso para educación primaria
     
  6. Suxestións de uso para educación secundaria
      


1 Obxectivos
 

Ao final da sesión, os alumnos serán capaces de:

2 Contidos

2.1

Grecia

2.1.1

Grecia antiga

2.1.2

Grecia clásica

2.2 Roma
2.3 A idade media
2.4 As Cortes
2.5 As monarquÃ?as absolutas
2.6 O Parlamento actual

2.1 Grecia


2.1.1 Grecia antiga

Grecia, organizada ao principio como múltiples estados nun territorio accidentado e disperso, verá aparecer, porque terá necesidade dela, unha Facenda pública elemental.

Na época das monarquías hereditarias, había unha nobreza poderosa, porque posuía a terra. E só podía ser cidadán o que contribuía con bens propios a determinados gastos públicos ou sociais. Ter ou non ter dereitos políticos dependía, por exemplo, de poder manter un cabalo de guerra.

Os gastos correntes do Estado íanse cubrindo cos produtos do patrimonio real e, só, en ocasións extraordinarias, se acudía ás contribucións.

Levaban os gregos o comercio no sangue, quizais non tanto como os fenicios pero, en calquera caso, gustaban de intercambiar o que lles sobraba por aquilo de que carecían. E estes intercambios entre as distintas cidades gregas favorecían unha saneada fonte de ingresos: as alfándegas.

Sempre a propiedade, en especial a da terra, experimentou sobresaltos. Non ían ser menos os nobres terratenentes gregos. O arconte Solón, coas súas profundas reformas sociais, minguoulles as súas facultades dominicais, suprimiu a escravitude por débedas, promoveu a pequena propiedade e creou uns impostos equitativos e xustos. Pero, por desgraza, estas medidas non tiveron efectos duradeiros.

Pouco a pouco, os cidadáns gregos sentiron que as rendas dos bens da Coroa non abondaban para atender a todos os gastos colectivos. E eles querían para os seus actos de culto relixioso o máximo esplendor, para as festas a mellor música, para as súas rúas ou ágoras limpeza e embelecemento. Fíxose necesario acudir aos impostos indirectos , isto é aos que gravan os gastos e consumos familiares. A relación entre ingresos e gastos públicos aparecía por primeira vez na historia da humanidade.

 


2.1.2 Grecia clásica

Atenas encabeza a liga de estados, os cales lle pagan unha cota anual para construír navíos e equipar soldados: o tesouro de Delos. Un home culto, intelixente e emprendedor vai conducir os destinos de Grecia: Pericles. A Pericles correspóndelle o mérito de protexer as ciencias e as artes, de realizar reformas exemplares e de se rodear de eficaces colaboradores. As terras que se acaban de conquistar repártense entre os campesiños asalariados e dítanse disposicións para remediar a pobreza de amplos sectores da poboación.

O tesouro é trasladado de Delos a Atenas. Pericles decide que non só ha de empregarse para fins militares, senón tamén para a construción de edificios públicos. O Partenón, xunto cos Propileos e o Erecteión, embelece a cidade, pero tamén mitiga o paro.

Ao mesmo tempo, o sentido comunitario dos atenienses fixo que o tesouro público fose unha especie de bolsa común para distribuír bens entre o pobo. Os cidadáns acomodados que asistían aos xogos das festas oficiais debían dar dous óbolos para que os pobres puidesen gozar igualmente dos espectáculos. E cando isto non abondaba, repartíase o que sobraba cada ano do presuposto do Estado.

Estas reparticións e os partenóns que xorden en todas as acrópoles de Grecia reducen os fondos públicos e déixanos sen reservas para casos de necesidade ou para gastos de guerra. En tales ocasións non houbo máis remedio que establecer impostos directos , os que gravan a renda ou o patrimonio dos cidadáns.

É de notar que a democracia ateniense no concibía os impostos directos como os únicos equitativos, e así, en épocas de paz, recadaba impostos indirectos , como os que recaían sobre o mercado e o consumo. Os dereitos de alfándegas nunca superaron o 2,5 por 100, o que permitiu a afluencia ao recentemente construído porto do Pireo de todos os produtos dos demais países.

Estas prestacións tributarias non libraban os cidadáns podentes da obriga de financiar coros que participaban nas festas organizadas polo Estado, ou equipar e manter un navío de combate en tempos de guerra.

Ningún cidadán debía pasar fame ou miseria e o Estado pagaba médicos e profesores. Asignóuselles un soldo aos que exercían funcións públicas.


2.2 Roma

O destino de Roma como conquistadora e gobernadora de pobos determinará algúns dos trazos máis característicos e constantes da súa Facenda pública. Así o arrendamento das terras de dominio publico achegadas polas vitorias das lexións representará unha importante fonte de recursos.

Ata aquí a Facenda pública de Roma era eminentemente patrimonial, pois as rendas dos seus bens constituían a principal fonte dos seus ingresos. Ideal, en poucas ocasións, alcanzado ao longo da historia, porque o patrimonio público, o patrimonio de todos, non ten a importancia que sería necesaria para atender as necesidades colectivas cos seus produtos. Por iso, sempre houbo que acudir aos tributos.

Non menos substanciosos para as arcas do Estado eran os botíns arrebatados aos vencidos e os tributos que estes lle debían pagar a Roma.

Durante a etapa republicana, polo xeral, o cidadán romano non pagaba impostos directos. Pero, con ocasión de guerras, había de realizar determinadas prestacións monetarias que tiñan o carácter de préstamos forzosos, pois eran reembolsadas coas ganancias das propias guerras.

No goberno republicano, o rei fora substituído por dous cónsules, que exercían o poder civil e militar. Xunto con eles, os pretores administraban xustiza e os cuestores organizaban a facenda. Clasificábase os contribuíntes segundo a importancia dos seus patrimonios, gandos, industrias..., pero na maioría dos casos impoñíanse as cargas en cantidades iguais por cabeza ( capitación ).

Ao longo do tempo, foron moitos os tributos que estableceu Roma. Sobre as cidades pesou un imposto territorial que se repartía en proporción ao valor dos bens inmobles. Certas provincias recadaban os décimos ou décimas partes dos froitos da terra e enviaban o seu importe á capital do imperio.

Nas vías romanas cobrábanse portaxes -dereitos para entrar nas cidades- e pontaxes -dereitos para pasar polas pontes-. Esixiuse un gravame sobre as herdanzas entre parentes afastados. Cobráronse taxas sobre o prezo de venda dos escravos e por darlles a liberdade. Impostos sobre as roupas das elegantes romanas e sobre obxectos mobles.

Arrendábase a recadación dos tributos e os recadadores facían pingües negocios. Na época do imperio chegáronse a explotar con impostos as provincias e cidades, que a miúdo non podían pagar. Octavio, Marco Aurelio e Adriano, tiveron que perdoar repetidas veces estas obrigas tributarias.


2.3 A idade media

Nos azarosos tempos que seguiron á desaparición da autoridade e unidade de Roma, moitos homes libres confiaban as súas pequenas propiedades e eles mesmos se entregaban a un gran señor latifundista a cambio de protección.

Xunto con este costume difundiuse o dos soberanos, que lles concedían aos seus súbditos e funcionarios grandes porcións de terreo para compensalos polos servizos civís ou militares prestados.

Cara ao século VIII ambos os dous fenómenos fundíronse nunha forma única de contrato ou relación persoal: a vasalaxe.

O poder político estaba ligado á propiedade territorial e ao número e fidelidade dos vasalos que posuía cada señor, co que podía acontecer, e de feito aconteceu, que moitos señores feudais eran máis poderosos que o mesmo rei.

Os vasalos, a cambio da protección do señor, debíanlle prestar a este numerosos servizos, sobre todo o de combater ao seu lado nas frecuentes guerras contra belicosos veciños, e tiñan que pagarlle cuantiosas rendas. E se na época imperial romana aumentaran os tributos en diñeiro, estas rendas medievais pagábanse xeralmente en especie.

É importante advertir que estas chamadas “rendas” tiñan moito de “tributos” porque as impoñían os señores feudais.

Os dereitos e prerrogativas dos señores feudais, incluído o rei, alcanzaban as exaccións ou gravames que se percibían polas explotacións de minas, muíños, fornos, fraguas, bosques, pastos, ríos navegables, pola caza e a pesca. Constituían verdadeiros monopolios señoriais, cuxos ingresos se han de considerar patrimoniais.

Pero chegouse a máis. Dentro do dominio eminente do señor ou soberano estaban incluídas as persoas. Dedicarse ao comercio ou á industria e exercer un oficio eran tarefas que lle pertencían ao señor feudal, polo que era necesario o seu permiso ou a súa licenza para poder realizar tales actividades. Este permiso ou licenza levaba consigo o pagamento dunha cantidade. Trátase das regalías , que se amparan nas prerrogativas da Coroa respecto dos seus súbditos.

No último chanzo da xerarquía humana estaban os servos da gleba, adscritos á terra. Estaban obrigados a prestacións gratuítas de traballo para o mantemento dos camiños, a reparación do castelo feudal, o cultivo das terras do señor, tributos de peaxe, rendas de todo tipo.

Estes colonos levaban ao castelo do señor sacos de gran, toneis de viño, tellas de aceite, galiñas, porcos, ovellas. E se non o facían ao seu debido tempo, e voluntariamente, as hostes do señor encargábanse de requisarlles os seus produtos á forza.

Cando esta clase de ingresos, e os obtidos mediante a venda de bens patrimoniais, non abondaron para atender os gastos públicos e privados do rei, foi necesario acudir aos subsidios ou auxilios dos súbditos. Así se continuaría a historia do imposto.


2.4 As Cortes

O pobo, farto das esixencias dos reis, rebélase en ocasións de forma tumultuosa. Os reis, ante a ondada de alzamentos populares, ceden en ocasións e aceptan consultar os seus súbditos á hora de impoñer tributos e de decidir a súa aplicación. Comezan a ser pagados os tributos para atender determinados gastos públicos. E o contribuínte vaise converter no principal protagonista da resistencia fronte ao rei.

Exemplos típicos destas limitacións do poder real déronse nas Cortes reunidas en León (ano 1188) e na Carta Magna de Inglaterra (ano 1215), que proclamou o principio de que o imposto ha de ser consentido por quen ten que pagalo.

A España chega un día un emperador educado no estranxeiro. A súa política imperial esixe enormes dispendios e subsidios. As Cortes de Castilla e León, compostas de procuradores elixidos polas cidades, móstranse resistentes a admitir novas exaccións. As quince principais cidades castelás álzanse en rebelión na Xunta de Ávila. Unha das súas queixas: as imposicións e cargas intolerables que padeceron estes reinos.

O exército real sufocaría o movemento comuneiro. Pero a loita dos monarcas coas Cortes non sempre favoreceu os primeiros, que, moitas veces, tiveron que pregarse ás condicións acordadas polas Cortes se querían obter as sumas que necesitaban.

En acordos deste tipo entre os gobernantes e as Cortes está a orixe remota do presuposto público , como documento que aproba o Parlamento, e polo que se autoriza o Goberno a recadar determinados ingresos e a realizar determinados gastos ao longo do ano. A historia da soberanía popular ten moito que lle agradecer á historia do presuposto.

Con este control do Parlamento, a Facenda pública corre menos perigo de ser utilizada por reis e gobernantes ao seu capricho, e introdúcese certa orde na obtención de ingresos e na realización de gastos.

E unha vez que o rei se acostuma a ver limitado o seu poder polos acordos das Cortes en materia de impostos, está nacendo o poder lexislativo independente do propio monarca, que se confía á representación popular.


2.5 As monarquías absolutas

Os señores medievais fóronse dobregando pouco a pouco baixo a autoridade do rei que, cun exército máis poderoso, derrubou as súas fortalezas.

Fórmanse grandes nacións, unidas e sometidas á soberanía absoluta dun monarca. España enteira recoñece os reis católicos, Francia a Luis XI e Inglaterra a Enrique VII.

Estes reis e os seus sucesores esfórzanse por construír estados fortes, para o cal xulgan imprescindible gobernar con man firme, en nome, iso si, do ben común. E en nome dese ben común e desa necesidade dun estado forte, tratarán de lograr unha Facenda pública con máis medios, cunha mellor organización e cun principio de autocontrol.

Non de todo sufocadas as guerras no interior de cada nación, xorde o enfrontamento entre nacións por apetencias territoriais e conflitos de intereses económicos ou dinásticos. E manter un exército esixe considerables recursos financeiros, que a Facenda pública obtén recadando tributos, non sempre equitativos.

Outros gastos públicos veñen motivados pola ampliación da Administración pública, o mantemento e boato da corte, o aumento da poboación e o crecemento das cidades. Ao mesmo tempo, xorden os homes de negocios e as actividades artesanais e comerciais experimentan un substancial incremento.

Nesta situación, a Facenda pública necesita contar cunha extensa organización burocrática para cobrar os impostos, para contraer débedas cando os gastos superan os ingresos, para administrar os recursos públicos, para examinar e vixiar a actuación dos seus recadadores e pagadores.

Para lles facer fronte aos gastos colectivos non abondan os impostos directos , que se reducían, case exclusivamente, aos que gravaban os propietarios de terras. Hai que multiplicar os impostos indirectos , que recaen sobre toda clase de artigos e produtos de consumo.

Implántase o imposto do “papel selado”, que gravaba todos os documentos oficiais. Del será herdeiro o imposto de timbre do Estado, que durante tantos anos lle proporcionou importantes ingresos ao Tesouro público, e aínda hoxe en día perduran figuras tributarias moi semellantes.

Prohíbese a fabricación e/ou a venda do sal, o chumbo, o tabaco, etcétera, polos particulares, e constitúense os correspondentes monopolios fiscais coas conseguintes rendas para a Facenda pública. Entre estas rendas chamadas estancadas” , está a da lotería.

Outros gravames creábanse atendendo propostas dos chamados “arbitristas”: persoas que inventaban solucións disparatadas para arranxar a situación da Facenda pública.

Tamén xurdiron tributos que viñan a substituír ¾ en diñeiro ¾ as antigas obrigas ¾ en especie ¾ dos nobres ou señores feudais, como o de preparar, manter e avituallar tropa armada. Pero a maioría das exaccións eran de carácter indirecto, pois recaían sobre o consumo das persoas que entón era de artigos de primeira necesidade.


2.6 O Parlamento actual

Así como o despotismo ilustrado sostén: “Todo para o pobo, pero sen o pobo”, as constitucións políticas actuais manteñen o réxime parlamentario e proclaman que todo, incluída a Facenda pública, sexa para o pobo e co pobo. Por iso xunto co principio da soberanía popular, proclaman o dereito de todos a participar nas funcións de goberno por medio duns representantes democraticamente elixidos.

O pobo aproba por maioría unha constitución e sométese ás súas normas. E encárgalles aos seus representantes que lexislen de acordo con ela e que controlen as tarefas do Goberno que teña a súa confianza. As Cortes promulgan leis que regulan os tributos que se van recadar, os gastos públicos que se van realizar e os recursos que os cidadáns poden interpoñer en defensa dos seus dereitos ante posibles erros ou extralimitacións da Facenda pública.

A Facenda pública adquire plena consideración no Estado que se organiza e rexe segundo unha constitución política. E se esa constitución establece a división de poderes ¾ executivo, lexislativo, xudicial ¾ , a igualdade de todos ante a lei, a distribución dos tributos segundo a capacidade económica dos que teñen que pagalos, a asignación equitativa dos gastos públicos, estaremos ante unha formulación xusta da actividade da Facenda pública.

O Parlamento, ou sexa, a representación de todos os cidadáns, ten confiada a función de ditar leis, entre as que se atopan as tributarias e orzamentarias. Leis que son aprobadas democraticamente e obrigan por igual a lexisladores e lexislados.

Así vemos regulados os nosos deberes para coa Facenda pública como nós mesmos quixemos ao referendar unha constitución e a votar nas eleccións xerais unha determinada opción en canto aos bens e servizos públicos que desexamos recibir do Estado e en canto aos tributos que estamos dispostos a lle pagar ao Tesouro público.

Pola súa banda, os tribunais de xustiza velan pola correcta aplicación e o estrito cumprimento das leis, entre elas as financeiras e fiscais, e xulgan e sancionan os que se apartan das súas disposicións.

Pero a misión dos parlamentos modernos non acaba coa discusión e votación das leis sobre presupostos e tributos, senón que, mediante interpretacións, rogos e preguntas ao Goberno, poden os deputados e senadores controlar a actividade das oficinas da Facenda pública, para que a Administración pública respecte os dereitos dos contribuíntes e cumpra as súas obrigas para con eles.

Así mesmo, ao final de cada ano, o Tribunal de Contas, que depende do Parlamento, examina e comproba a xestión do Goberno: como executou o disposto nas leis de presupostos e nas tributarias. Despois o Parlamento aprobará ou non a actuación da Facenda pública ao longo dos doce meses transcorridos.

Todas estas funcións tan relevantes son hoxe propias dos parlamentos. A Constitución española non dubidou en incorporalas ao seu texto e en encomendarllas ás Cortes Xerais.

 

3 Recordemos que...
 

A necesidade de obter ingresos suficientes para sufragar os gastos do Estado orixinou, ao longo da historia, a creación de innumerables impostos.

Roma estableceu para sufragar os seus inmensos gastos (militares, de infraestruturas) un tributo especial ás terras conquistadas, o tributum ou estipendium , que gravaba a terra e outro que recaía sobre as persoas, tributum capitis que, xeralmente, se esixía a todos por igual.

Na España musulmá, os tributos diversificáronse. Establecéronse impostos sobre as colleitas, sobre transaccións económicas, sobre dereitos de paso, rabaños, terras, edificacións. Houbo dous impostos moi importantes: os dereitos de alfándega (almoxarifado) e as gabelas que se pagaban ao comprar ou vender algo.

Nos reinos cristiáns, cobrábanse impostos en razón das necesidades que o rei tivese: facer unha guerra, construír unha ponte, etc. Polo tanto, as facendas eran perentorias, é dicir o imposto víñase establecer pola necesidade e, polo tanto, non era necesario facer un documento de previsión de gastos e ingresos (presuposto).

A orixe remota do Presuposto público atópase nos acordos entre o rei e as Cortes polos cales estas autorizaban o rei a recadar determinados ingresos e a realizar determinados gastos.

4 Glosario
 

5 Suxestións de uso para educación primaria

5.1

Antes de empezar

5.2 Exposición do profesor
5.2.1 Nómades: cazadores e colleiteiros. Transición á vida sedentaria
5.2.2 A antig�idade clásica: Grecia e Roma
5.2.3 A idade media. Al“Ã?ndalus. O feudalismo. As cidades ou burgos
5.2.4 A idade moderna
5.2.5 A idade contemporánea
5.2.6 A situación actual. A Constitución de 1978
5.3 Actividades para o terceiro ciclo de primaria
5.3.1 Asterix e Obelix en Hispania
5.3.2 Uso do dicionario
5.3.3 Un exercicio de simulación: educación para a comunidade
5.3.4 Robin Hood: o bandido que redistribuÃ?u os impostos

5.1 Antes de empezar


5.2 Exposición do profesor


5.2.1 Nómades: cazadores e colleiteiros. Transición á vida sedentaria

Os homes primitivos e as mulleres primitivas que habitaban a Terra alimentábanse de plantas que recollían, de animais que cazaban e de peixes que pescaban.

Outra necesidade que tiñan era a de abrigarse coas peles dos animais e a de refuxiarse nas covas para protexerse do frío, a neve, a chuvia e mesmo de se resgardar dos ataques dos animais salvaxes.

Cando as plantas, a caza ou a pesca dun lugar se esgotaban, aquelas persoas desprazábanse ou emigraban a outra zona ou rexión na que houbese abundantes alimentos. Pero, un bo día, decatáronse de que podían cultivar plantas ou criar animais sen ter que emigrar a outros lugares. Así, fixéronse agricultores e gandeiros sedentarios, é dicir, deixaron de desprazarse para satisfacer as súas necesidades básicas. Iso deu lugar a poboacións, con necesidades de protexerse (soldados, murallas...), de ter servizos (auga, seguridade interna...). Prestacións que custan diñeiro e este é recadado polo gobernante para empregalo no mantemento destes servizos.

O concepto de diñeiro evolucionou ao longo da historia da humanidade. Ao principio, as persoas intercambiaban o que cada unha producía; así, por exemplo, o pescador dáballe peixe ao agricultor e, a cambio, o agricultor dáballe froitas e hortalizas ao pescador. Como non sempre o ben que necesitaba unha persoa lle era entregado a cambio do que el mesmo producía e podía dalo, inventou o diñeiro co que se pode adquirir calquera cousa e que vale para cambialo polo que sexa; así comezou o comercio.


5.2.2 A antigüidade clásica: Grecia e Roma

Avanzando dun salto moitos séculos de historia da humanidade, atopámonos na Grecia clásica, coa cidade de Atenas á cabeza, unha civilización superior a todas as que existiran, e nela xorde unha primeira idea da democracia e tamén da Facenda pública como fondo común. Un home moi sabio que viviu entón, chamado Pericles, decidiu que o diñeiro público non debe ser só para gastos militares senón tamén para construír edificios e para distribuír bens entre o pobo. Nesta época establecéronse impostos directos sobre o diñeiro e os bens dos cidadáns (renda e patrimonio) e tamén impostos indirectos sobre o mercado e sobre as compras de bens polas persoas (consumo).

Tras os gregos chegaron os romanos, un pobo conquistador, cun gran sentido práctico e que se distinguiu pola construción de importantes obras públicas, como as calzadas e os acuedutos (en España conservamos moitas das súas obras, como o acueduto de Segovia). Os romanos conquistaron os gregos, pero respectaron a súa cultura e mesmo copiaron moitas cousas deles.

Roma obtiña moita riqueza polo aluguer de todas as terras que ía conquistando e tamén polo botín, é dicir, o diñeiro e os bens que lles quitaba aos pobos vencidos nas batallas. Pero ademais estableceu varias clases de impostos. As provincias conquistadas tiñan que pagar un imposto directo sobre a terra e o chan ( estipendium ou tributum ) e tamén sobre os froitos ou produtos da terra (este chamábase décimo , porque era a décima parte deses produtos). Tamén se estableceu un imposto directamente sobre as persoas ( tributum capitis ), que xeralmente se lles esixía a todos por igual, é dicir, que todos pagaban a mesma cantidade con independencia de que fosen máis ricos ou máis pobres (¿parécevos xusto o sistema?). Nas vías ou estradas cobrábanse as portaxes , que eran cantidades que había que pagar para entrar nas cidades. Outros impostos recaeron sobre as herdanzas, as vendas de escravos ou os obxectos de luxo.


5.2.3 A idade media. Al–Ándalus. O feudalismo. As cidades ou burgos

Tras a caída do imperio romano e a invasión dos pobos xermánicos empeza unha nova época que se coñece como a idade media. Durante un tempo, en España gobernaron os visigodos, que mantiveron case igual a Facenda pública que crearan os romanos. Pero pronto se implantou en Europa o feudalismo, resultado da división do grande imperio romano en moitos anacos de terra, que se chamaban feudos, e cada un era dun señor ou nobre, que era o señor feudal.

Como eran tempos perigosos de desordes e guerras, a xente necesitaba protección e acudía para iso aos señores feudais que, a cambio desa protección, lles esixían loitar ao seu lado nas frecuentes guerras e pagarlles grandes tributos, xeralmente mediante entrega das colleitas, viño, aceite e animais, xa que entón o diñeiro ¾ as moedas que circulaban ¾ eran escasas. O poder destes señores feudais sobre os bens, e mesmo a vida da xente, era case absoluto (diferenza entre escravos, vasalos e cidadáns). Ninguén podía dedicarse ao comercio ou exercer un oficio sen a súa autorización, e a xente máis pobre eran os servos, que eran como escravos obrigados a traballar a terra sen dereito a nada.

En España, como sabedes, os pobos musulmáns chegados de África no século VIII, estiveron durante varios séculos en gran parte do territorio. A súa facenda chegou a ser moi rica, pois ademais das rendas propias do emir ou do califa (que eran como os seus dirixentes), estableceron impostos sobre as colleitas, as mercadorías, os rabaños ou as terras e tamén impostos directos que debían pagar as persoas non musulmás que vivían no seu territorio. Houbo dous impostos moi importantes que despois os esixiron tamén os cristiáns: os dereitos de alfándega ( almoxarifado ) e as gabelas que se pagaban ao comprar e vender algo.

Co tempo, a xente empezou a unirse, a protestar e a rebelarse contra o poder dos señores feudais e reis, poñendo condicións para o pagamento dos tributos que os reis tiveron que aceptar en ocasións, como aconteceu coas Cortes que se reunían en España ou co exemplo da Carta Magna en Inglaterra, segundo a cal os impostos teñen que ser aceptados pola xente que ha de pagalos.

Ademais, as persoas empezaron a escapar do poder dos señores feudais e foron xurdindo as cidades e, con elas, unha nova clase social formada por artesáns, comerciantes e banqueiros, que se chamou burguesía. Co crecemento das cidades e as novas necesidades que nelas xurdiron, foise facendo importante a Facenda municipal, independente da do rei, cobrando tributos (por exemplo a alcabala ) para canalizar a auga, para facer as rúas ou para construír as súas murallas.


5.2.4 A idade moderna

Cando os señores feudais foron sometidos polos reis e os pobos e territorios se uniron para formar grandes nacións, comezou unha nova época, a idade moderna, que en España se inicia cos Reis Católicos (séculos XV e XVI). Durante este tempo, os reis intentan construír estados fortes con facendas públicas máis ricas.

As guerras entre os estados seguen ocasionando grandes gastos, pero tamén a Administración pública, o aumento da poboación e o crecemento das cidades. Para pagar todo isto non abondaba cos impostos directos que pagaban os propietarios das terras, senón que houbo que crear moitos impostos indirectos , sobre todo, para gravar o consumo.

Estableceuse un imposto sobre o papel selado para os documentos oficiais e sobre a fabricación e venda de sal, chumbo, tabaco, etc. ( rendas estancadas ). Xunto con estes recursos, hai que ter en conta a importancia que en España tivo, tras o descubrimento e conquista de América, a chegada de gran cantidade de metais preciosos (ouro e prata).

Ademais, a xente foi dándose cada vez máis conta da necesidade de defender os seus dereitos. En España houbo unha revolta popular moi importante, a dos comuneiros de Castilla (século XVI), que estivo motivada, en gran parte, polo malestar polos novos impostos que se estableceron á chegada do emperador Carlos V.


5.2.5 A idade contemporánea

Máis adiante, estalou en Francia a Revolución (1789) motivada, en parte, pola resistencia de dous estamentos sociais (clero e nobreza) a pagar os mesmos impostos que o pobo. A Revolución francesa trouxo consigo a aprobación da Declaración de dereitos do home e do cidadán, abrindo un novo camiño para a humanidade e a etapa histórica que se coñece como idade contemporánea.

Na mesma época produciuse a independencia dos Estados Unidos (século XVIII), que era entón unha colonia de Inglaterra, e unha das causas da rebelión foron os fortes impostos que Inglaterra lles cobraba aos americanos.


5.2.6 A situación actual. A Constitución de 1978

Hoxe as cousas cambiaron moito. En España, como noutros países democráticos, temos unha Constitución aprobada polo pobo (1978), o cal elixe libremente os seus representantes para o goberno do Estado, das comunidades autónomas e dos pobos e cidades.

Eses representantes elixidos por nós son os que aproban nas Cortes as leis, entre elas, as que establecen os impostos e demais tributos e os presupostos, onde se deciden os gastos públicos que se van realizar (para construír estradas, hospitais, colexios e demais bens comúns) e os ingresos que fan falta para pagalos.


5.3 Actividades para o terceiro ciclo de primaria

A continuación suxírense distintas actividades. Os criterios de busca de actividades pode ser de distinto tipo: a área ou materia, o tipo de actividade (individual ou grupal) e o nivel educativo para o que se propón.

Ademais, pódese propoñer a lectura dalgúns dos artigos que figuran na bibliografía (por exemplo, “Así foron... os tributos medievais españois”). Algúns destes artigos poden apoiar a realización das actividades propostas.


5.3.1 Asterix e Obelix en Hispania

Área: coñecemento do medio.
Tipo: individual.
Nivel: terceiro ciclo de educación primaria.

Nota: pódese ler o artigo “Así era... a Administración tributaria na España romana” que figura na bibliografía.


5.3.2 Uso do dicionario

Área: lingua.
Tipo: individual.
Nivel: terceiro ciclo de educación primaria.

Completa nun cadro tamén as familias léxicas desas palabras.


5.3.3 Un exercicio de simulación: educación para a comunidade

Área: interdisciplinar. Cohesión grupal.
Tipo: grupal.
Nivel: primeiro ciclo de educación secundaria.


5.3.4 Robin Hood: o bandido que redistribuíu os impostos

Área: coñecemento do medio. Interdisciplinar.
Tipo: grupal.
Nivel: primeiro ciclo de educación secundaria.

 

6 Suxestións de uso para educación secundaria

6.1

Antes de empezar

6.2

Exposición do profesor

6.2.1 Os impostos na antigüidade: Grecia e Roma
6.2.2 A idade media. Al–Ándalus. O feudalismo. As cidades ou burgos
6.2.3 A idade moderna
6.2.4 A idade contemporánea: os dereitos humanos. España e a Constitución de 1978
6.3 Actividades para o primeiro e segundo ciclo de secundaria
6.3.1 Na clase de historia: os impostos na antigüidade
6.3.2 Na clase de historia: os impostos na idade media (I)
6.3.3 Na clase de historia: os impostos na idade media (II)
6.3.4 Na clase de historia: os impostos na idade moderna. O financiamento das expedicións que achicaron o mundo
6.3.5 Investigación sobre os impostos. Cando os impostos non son contribucións senón confiscacións
6.3.6 Un xogo de rol histórico
6.3.7 Lázaro de Tormes e o buleiro
6.3.8 Un exercicio de simulación: educación para a comunidade
 

6.1 Antes de empezar


6.2 Exposición do profesor


6.2.1 Os impostos na antigüidade: Grecia e Roma

Comezaremos o noso paseo pola historia dos impostos en Grecia, concretamente, antes da aparición da democracia. Na época da monarquía, só podía ser cidadán quen contribuía cos seus propios bens a determinados gastos públicos. Polo tanto, ter ou non ter dereitos políticos dependía, por exemplo, de poder manter un cabalo de guerra.

Os gastos correntes do Estado íanse cubrindo cos produtos do patrimonio real e só en ocasións extraordinarias se acudía ás contribucións.

Os antigos gregos eran moi bos comerciantes. No século V antes de Cristo, o porto ateniense do Pireo era o centro comercial máis importante do mundo antigo. Os atenienses consumían só unha parte de todas as mercadorías que chegaban ao Pireo e, por iso, lle vendían o resto a outros países e cidades–estado. Os atenienses cobraban aranceis que supoñían o 2% de todo o importado e exportado.

Non obstante, como os aranceis e as rendas dos bens do rei non abondaban para financiar todos os gastos públicos, os gregos antigos crearon os impostos indirectos que gravaban os gastos e consumos familiares.

Na Grecia clásica, Atenas encabezou a liga de estados. Estes pagábanlle unha cantidade anual para construír barcos e equipar os soldados: o Tesouro de Delos. Pericles trasladou o Tesouro de Delos a Atenas e decidiu que o dito tesouro se empregase non só para fins militares senón tamén para a construción de edificios públicos, por exemplo, o Partenón e o Erectión. Como había veces que non había suficientes fondos para financiar os distintos gastos públicos, creáronse os impostos directos que gravaban a renda ou o patrimonio dos cidadáns.

Tras os gregos chegaron os romanos, un pobo conquistador, cun gran sentido práctico e que se distinguiu pola construción de importantes obras públicas, como as calzadas e os acuedutos. Os romanos conquistaron os gregos, pero respectaron a súa cultura e mesmo copiaron moitas cousas deles

Roma obtiña moita riqueza polo aluguer de todas as terras que ía conquistando e tamén polo botín, é dicir, o diñeiro e os bens que lles quitaba aos pobos vencidos nas batallas. Pero ademais estableceu varias clases de impostos. As provincias conquistadas tiñan que pagar un imposto directo sobre a terra e o chan ( estipendium ou tributum ) e tamén sobre os froitos ou produtos da terra (este chamábase décimo, porque era a décima parte deses produtos).

Tamén se estableceu un imposto directamente sobre as persoas ( tributum capitis ), que, xeralmente, se lles esixía a todos por igual, é dicir, que todos pagaban a mesma cantidade con independencia de que fosen máis ricos ou máis pobres.

Nas vías ou estradas cobrábanse as portaxes, que eran cantidades que había que pagar para entrar nas cidades. Así mesmo, pagábanse pontaxes para poder pasar polas pontes.

Outros impostos recaeron sobre as herdanzas, as vendas de escravos ou os obxectos de luxo. Algúns dos impostos que temos hoxe en día son “herdeiros” dos impostos romanos. Por exemplo, actualmente existe o imposto sobre sucesións (que se esixe sobre a herdanza que deixa a persoa falecida), o imposto sobre transmisións patrimoniais (que se esixe en moitas transmisións de bens), etc.


6.2.2 A idade media. Al–Ándalus. O feudalismo. As cidades ou burgos

Tras a caída do imperio romano e a invasión dos pobos xermánicos empeza unha nova época que se coñece como a idade media. Durante un tempo en España gobernaron os visigodos, que mantiveron case igual a Facenda pública que crearan os romanos. Pero pronto se implantou en Europa o feudalismo como resultado da división do grande imperio romano.

Como eran tempos perigosos de desordes e guerras, a xente necesitaba protección e acudía para iso aos señores feudais, que, a cambio desa protección, lles esixían loitar ao seu lado nas frecuentes guerras, ademais, pagarlles grandes rendas xeralmente en especie, mediante entrega das colleitas, viño, aceite e animais, xa que por aquel entón a circulación do diñeiro era escasa.

Estas rendas eran, en realidade, tributos porque as impoñían os señores feudais. Así, percibíanse rendas polas explotacións de minas, muíños, fornos, bosques, pastos, ríos navegables, caza e pesca. Así mesmo, para poder dedicarse ao comercio ou á industria e poder exercer un oficio, debíaselle solicitar permiso ao señor feudal. Este permiso ou licenza requiría o pagamento dunha cantidade que se denominou “ regalías ”.

En España, os pobos musulmáns chegados de África no século VIII estiveron durante varios séculos en gran parte do territorio. A súa facenda chegou a ser moi rica, pois, ademais das rendas propias do emir ou do califa, estableceron impostos sobre as colleitas, as mercadorías, os rabaños ou as terras e tamén impostos directos que debían pagar as persoas non musulmás que vivían no seu territorio.

Houbo dous impostos moi importantes que despois os esixiron tamén os cristiáns: os dereitos de alfándega ( almoxarifado ) e as gabelas que se pagaban ao comprar e vender algo.

Co tempo, a xente empezou a unirse, a protestar e a rebelarse contra o poder dos señores feudais e reis, poñendo condicións para o pagamento dos tributos que os reis tiveron que aceptar en ocasións, como aconteceu coas Cortes que se reunían en España ou co exemplo da Carta Magna en Inglaterra, segundo a cal os impostos teñen que ser aceptados pola xente que ha de pagalos.

Ademais, as persoas empezaron a escapar do poder dos señores feudais e foron xurdindo as cidades e, con elas, unha nova clase social formada por artesáns, comerciantes e banqueiros, que se chamou burguesía.

Co crecemento das cidades e as novas necesidades que nelas xurdiron, foise facendo importante a Facenda municipal, independente da do rei, cobrando tributos (como foi o chamado alcabala ) para canalizar a auga, para facer as rúas ou para construír as súas murallas.


6.2.3 A idade moderna

Cando os señores feudais foron sometidos polos reis e os pobos e territorios se uniron para formar grandes nacións, comezou unha nova época, a idade moderna, que en España se inicia cos reis católicos (séculos XV e XVI).

Durante este tempo, os reis intentan construír estados fortes con facendas públicas máis ricas. As guerras entre os estados seguen ocasionando grandes gastos, pero tamén a Administración pública, o aumento da poboación e o crecemento das cidades.

Para pagar todo isto non abondaba cos impostos directos que pagaban os propietarios das terras, senón que houbo que crear moitos impostos indirectos, sobre todo, para gravar o consumo. Estableceuse un imposto sobre o papel selado para os documentos oficiais e sobre a fabricación e venda de sal, chumbo, tabaco, etc. ( rendas estancadas ).

Xunto a estes recursos, hai que ter en conta a importancia que en España tivo, tras o descubrimento e conquista de América, a chegada de gran cantidade de metais preciosos (ouro e prata).

A inxustiza nos conceptos e na contía dos impostos, así como a súa mala utilización, produce unha descompensación entre as contraprestacións do recadador Estado e do gobernado pobo, dando lugar a conflitos e revolucións. O pobo foi dándose cada vez máis conta da necesidade de defender os seus dereitos. En España, a revolta popular dos Comuneiros de Castilla (século XVI) produciuse en gran parte en protesta polos novos impostos que se estableceron á chegada do emperador Carlos V.


6.2.4 A idade contemporánea: os dereitos humanos. España e a Constitución de 1978

Máis adiante, estalou en Francia a Revolución (1789) motivada, en parte, pola resistencia de dous estamentos sociais (clero e nobreza) a pagar os mesmos impostos que o pobo. A Revolución Francesa trouxo consigo a aprobación da declaración de dereitos do home e do cidadán, e abriu un novo camiño para a humanidade e a etapa histórica que se coñece como idade contemporánea. Na mesma época produciuse a independencia dos Estados Unidos (século XVIII), que era entón unha colonia de Inglaterra, e unha das causas da rebelión foron os fortes impostos que Inglaterra lles cobraba aos americanos.

En España, como noutros países democráticos, temos unha Constitución aprobada polo pobo (1978), o cal elixe libremente os seus representantes para o goberno do Estado, das comunidades autónomas e dos pobos e cidades. Eses representantes elixidos por nós son os que aproban nas Cortes as leis, entre elas as que establecen os impostos e demais tributos e os presupostos, onde se definen os gastos públicos que se van realizar e os ingresos que fan falta para pagalos.


6.3 Actividades para o primeiro e segundo ciclo de secundaria

A continuación suxírense distintas actividades. Os criterios de busca de actividades poden ser de distinto tipo: a área ou materia, o tipo de actividade (individual ou grupal) e o nivel educativo para o que se propón.

Ademais, pódese propoñer a lectura dalgúns dos artigos que figuran na bibliografía (por exemplo, “Así foron... os tributos medievais españois”). Algúns destes artigos poden apoiar a realización das actividades propostas.


6.3.1 Na clase de historia: os impostos na antigüidade

Área: xeografía e historia
Tipo: individual.
Nivel: primeiro ciclo de educación secundaria (1º ESO)

Nota: pódese ler o artigo “Así era... a Administración tributaria na España romana” que figura na bibliografía.


6.3.2 Na clase de historia: os impostos na idade media (I)

Área: xeografía e historia
Tipo: individual.
Nivel: primeiro ciclo de educación secundaria (2º ESO).

Nota: pódense ler os artigos “Así foron... os tributos medievais españois”, “Así era... a Administración tributaria na España visigoda”, “Así era... a Administración tributaria na España musulmá”, “Así era... a Administración tributaria na Idade Media”, “Así foi... o tributo das cen doncelas”, que figuran na bibliografía.


6.3.3 Na clase de historia: os impostos na idade media (II)

Área: xeografía e historia.
Tipo: individual.
Nivel: primeiro ciclo de educación secundaria (2º ESO)

Nota: pódese ler o artigo “Así era... a fiscalidade e o Camiño de Santiago" que figura na bibliografía.


6.3.4 Na clase de historia: os impostos na idade moderna. O financiamento das expedicións que achicaron o mundo

Área: xeografía e historia. Interdisciplinar.
Tipo: individual.
Nivel: segundo ciclo de educación secundaria (4º ESO).


6.3.5 Investigación sobre os impostos. Cando os impostos non son contribucións senón confiscacións

Área: xeografía e historia. Interdisciplinar.
Tipo: grupal.
Nivel: Segundo ciclo de Educación Secundaria (4º ESO).


6.3.6 Un xogo de rol histórico

Área: xeografía e historia. Interdisciplinar.
Tipo: grupal.
Nivel: segundo ciclo de educación secundaria (4º ESO)


6.3.7 Lázaro de Tormes e o buleiro

Área: lingua.
Tipo: individual.
Nivel: segundo ciclo de educación secundaria (4º ESO)

Nota: pódese ler o artigo “Así foron... os impostos no século XVI” que figura na bibliografía.


6.3.8 Un exercicio de simulación: educación para a comunidade

Área: interdisciplinar. Cohesión grupal.
Tipo: grupal.
Nivel: segundo ciclo de educación secundaria.