Portal Educación Cívico Tributaria. Agencia Tributaria. - Profesores versión flash

Axencia Tributaria, coa colaboración do Instituto de Estudios Fiscais.

Glosario de termos

Glosario - AAdministracións da Axencia Tributaria: como as delegacións, son tamén oficinas da Axencia Tributaria. Atópanse en vilas grandes e tamén nos barrios das grandes cidades. Estas oficinas, como as delegacións, están preto das persoas que teñen que pagar impostos (contribuíntes) para axudarlles cando teñen dúbidas ou non saben moi ben que é o que hai que facer. Dentro da rede de administracións da Axencia Tributaria, atópanse tamén as administracións de alfándegas que hai en determinadas cidades de España. Alcabala: tributo que pagaba o forasteiro polos xéneros que vendía. Almoxarifado: dereito que se pagaba polos xéneros ou mercadorías que saían do reino, polos que se introducían nel, ou por aqueles con que se comerciaba dun porto a outro dentro de España. Arancel de alfándegas: cantidade que se paga cando as mercadorías atravesan unha fronteira. Non só ten unha función recadadora senón tamén unha función de política comercial. Na Unión Europea, a cantidade que se paga por arancel de alfándegas, cando se importa ou exporta unha mesma mercadoría, é igual en todos os países da Unión. Axencia Tributaria: é unha entidade de dereito público adscrita ao Ministerio de Economía e Facenda. Como tal entidade de dereito público, conta cun réxime xurídico propio distinto a da Administración Xeral do Estado que, sen menoscabo dos principios esenciais que deben presidir toda actuación administrativa, lle confire certa autonomía en materia presupostaria e de xestión de persoal. A Axencia Tributaria, creada polo artigo 103 da Lei 31/1990, do 27 de decembro, de presupostos xerais do Estado para 1991, constituíuse de xeito efectivo o 1 de xaneiro de 1992. A Axencia Tributaria ten encomendada a aplicación efectiva do sistema tributario estatal e do aduaneiro, así como daqueles recursos doutras administracións públicas nacionais ou da Unión Europea a xestión da cal se lle encomende por lei ou por convenio. Glosario - BBase impoñible: cantidade fixada polas leis tributarias coa que se establece a capacidade económica do contribuínte. Esta cantidade está integrada, por exemplo, no imposto sobre a renda das persoas físicas polos ingresos que obtén unha persoa no ano (soldo, intereses, etc.) e no imposto sobre o valor engadido polo prezo do produto que compra ou do servizo que se recibe. Esta cantidade multiplícase por unha porcentaxe, tamén chamada tipo ou tarifa, que tamén vén fixado polas leis. Branqueo de capitais: actividade ilegal consistente en tratar de converter en diñeiro legal, os beneficios de actividades delituosas ou irregulares, a través de compras, investimentos, operacións financeiras, que introduzan tales beneficios na economía legalizada. Glosario - CCapacidade económica: a que ten en conta o lexislador para establecer cada imposto a cargo dos contribuíntes. Considérase que a obtención de rendas, a posesión do patrimonio, a adquisición dunha herdanza ou unha doazón, a compra de mercadorías son feitos representativos de capacidade económica, tamén chamada capacidade contributiva, porque en función dela, realizan os contribuíntes as súas achegas tributarias á Facenda pública. É dicir, é o diñeiro que se ten, ou que se demostra que se ten, a xulgar polas cousas que un compra ou posúe. Por iso, a capacidade económica é un indicador da capacidade contributiva, porque demostra o que un cidadán pode e debe pagar en concepto de impostos. O que ten maior capacidade económica, ten maior capacidade contributiva (e viceversa). Contribucións especiais: son tributos que se pagan cando unha actuación pública dirixida a satisfacer unha necesidade colectiva lles produce un beneficio especial a determinados individuos (por exemplo: o aumento de valor dun terreo como consecuencia da realización dunha obra pública). Contribuínte: persoa física ou xurídica (unha persoa xurídica é unha empresa ou similar), que contribúe ao sostemento dos gastos públicos mediante as achegas en diñeiro que lle entrega á Facenda pública (impostos, principalmente) conforme á súa capacidade económica (renda, patrimonio, adquisicións, etcétera) e na contía prevista na lei. Glosario - DDécimo: imposto que consiste nunha décima parte dos froitos ou produtos da terra. Foi eclesiástico - coas “primicias” - e en España suprimiuse en 1837. Deducións: no imposto sobre o valor engadido o mecanismo das deducións constitúe unha característica esencial do imposto. Na súa virtude, os empresarios poden deducir as cotas soportadas nas súas adquisicións, de forma que en cada fase da cadea de produción–comercialización só tributa o valor engadido ou incorporado nela. En cambio, os consumidores finais non poden deducir o IVE, polo que son os que efectivamente o pagan no prezo dos bens e servizos que adquiren. Son cantidades que minoran a cota que hai que pagar por un imposto. No imposto sobre a renda das persoas físicas, as deducións réstanse da cantidade resultante tras aplicar a escala e tipos de gravame. Estas deducións son as establecidas pola lei en supostos como investimento na vivenda habitual, nais traballadoras con nenos menores de tres anos ou donativos. As comunidades autónomas poden tamén establecer determinadas deducións. Delegacións da Axencia Tributaria: son oficinas da Axencia Tributaria. Hai unha en cada capital de provincia e en determinadas cidades grandes. Estas oficinas están preto das persoas que teñen que pagar impostos (contribuíntes) para axudarlles cando teñen dúbidas ou non saben moi ben que é o que hai que facer. Delegacións especiais da Axencia Tributaria: son oficinas da Axencia Tributaria. Hai unha na capital de cada comunidade autónoma. Despacho a libre práctica: concesión a unha mercadoría que entra no territorio alfandegueiro comunitario do estatuto de “mercadoría comunitaria”, o que supón que cumpriu todos os requisitos para ser considerada como tal, incluído no seu caso, o pagamento de dereitos de importación. Glosario - EElusión fiscal: comportamento do contribuínte que utiliza una norma tributaria que estaba pensada con una finalidade distinta polo lexislador, e co que se pretende conseguir un resultado económico prohibido pola lei ou contrario á norma tributaria (por exemplo, presentar una declaración tributaria incorrecta para conseguir una bolsa, axuda ou subvención e logo presentar una declaración complementaria como se se estivese rectificando un esquecemento, compravendas ficticias, vendas que encobren doazóns, préstamos que en realidade son achegas de capital, pero que tributan de forma distinta, etc.). En realidade, é bordear ou sortear a lei: é aproveitar unha norma tributaria que estaba pensada para outra cousa co obxectivo de pagar menos impostos. Equidade: principio ou criterio que establece a aplicación dunha axeitada proporción ou correspondencia entre os medios económicos de cada persoa e as achegas que debe realizar mediante o pagamento de impostos para financiar os gastos públicos. Evasión fiscal: é un comportamento análogo á fraude fiscal, pero é unha distinción meramente semántica. Tecnicamente, a evasión é sinónimo de fraude. Socialmente, a evasión parece ter un significado menos forte. Non obstante, no vocabulario de facenda tradicional, a evasión é máis ampla que a fraude: inclúe tanto a fraude tributaria, como o contrabando aduaneiro, ou a saída de divisas do país, etc. É dicir: todo comportamento ilegal que comporta un dano ao Tesouro Público sexa ou non relativo aos impostos. Exencións: consisten en que en determinados supostos, a pesar de que se producen os feitos que dan lugar a que se deba pagar un imposto, non xorde deber de tributar por establecelo así a lei. No imposto sobre a renda das persoas físicas están exentos, por exemplo, determinados premios literarios, artísticos ou de azar, as prestacións do Estado por actos de terrorismo ou as axudas aos afectados pola SIDA. Consisten en que, en determinados supostos, a pesar de que se producen os feitos que dan lugar a que deba pagarse un imposto, non xorde deber de tributar por establecelo así a lei. No imposto sobre o valor engadido, poden citarse entre as exencións os servizos sanitarios públicos, a educación da infancia e a xuventude por entidades públicas ou privadas autorizadas ou os servizos prestados polos dentistas. Exportación: saída de mercadorías do territorio aduaneiro comunitario (TAC) que só se autoriza tras levar a cabo o procedemento establecido en cada caso (declaración, inspección, aboamento de dereitos, etc.). Glosario - FFraude fiscal: comportamento do contribuínte que oculta, disfraza ou manipula a súa capacidade económica para non lle ingresar á Facenda pública a cantidade de impostos que está obrigado a pagar segundo as leis vixentes. Función redistributiva dos impostos: un dos obxectivos que teñen os impostos consiste en facer que paguen máis os que máis teñen e menos os que teñen menos, co fin de que a carga dos gastos públicos se distribúa con maior xustiza social. Tamén os impostos serven para que o Estado e outras administracións públicas redistribúan o diñeiro que reciben pola vía dos gastos públicos (por exemplo, sanidade pública para todos, campañas de vacinación, diñeiro para investigación e desenvolvemento social, bolsas de ensino, axudas para compra de vivenda, axudas para transporte, axudas domiciliarias e residencias para persoas maiores e minusválidas, etc.). Glosario - GGabela: imposto que se pagaba cada vez que se compraba ou vendía algo. Gastos públicos: emprego de caudais públicos para a satisfacción das necesidades públicas. Glosario - IImportación: entrada de mercadorías no territorio aduaneiro comunitario (TAC), que supón a realización de determinados trámites (declaración, inspección, aboamento de dereitos, etc.) antes de poder circular por este libremente. Impostos: cantidade de diñeiro que os cidadáns están obrigados por lei a pagar para que as administracións públicas (o Estado, as comunidades autónomas, os municipios) dispoñan dos recursos suficientes cos que financiar a satisfacción das necesidades públicas. Impostos directos: son os impostos que se aplican sobre unha manifestación directa ou inmediata da capacidade económica, como a obtención dunha renda ou a posesión dun patrimonio. Impostos especiais: son os impostos que pagan as persoas que compran ou consomen determinados bens, como son o alcohol e as bebidas alcohólicas, os hidrocarburos, o tabaco ou a matriculación de medios de transporte. Impostos indirectos: son os impostos que se aplican sobre unha manifestación indirecta ou mediata da capacidade económica, como a circulación da riqueza, ben por actos de consumo ou ben por actos de transmisión. Imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF): é un imposto directo que se aplica sobre a obtención da renda como manifestación inmediata da capacidade económica dos cidadáns, atendendo aos principios de igualdade, xeneralidade e progresividade e de acordo coas circunstancias persoais e familiares das persoas. Imposto sobre o patrimonio: é un imposto directo que se aplica sobre a posesión dun patrimonio, entendendo por tal o conxunto dos bens e dereitos que posúe unha persoa, ao que lle hai que restar as cargas, débedas e obrigas ás que esa persoa debe facer fronte. É un imposto cedido ás comunidades autónomas. Imposto sobre o valor engadido (IVE): é un imposto indirecto que recae sobre o consumo de bens e servizos producidos ou comercializados no desenvolvemento das actividades empresariais ou profesionais, ao considerarse o consumo como unha manifestación indirecta da capacidade económica das persoas. Imposto sobre sociedades: é un imposto directo que se aplica sobre o beneficio neto que obteñen da súa actividade as empresas. Imposto sobre sucesións e doazóns: é un imposto directo que se aplica sobre os bens e dereitos obtidos de forma gratuíta polas persoas, tanto por adquisicións procedentes doutra persoa viva (adquisicións inter vivos ) como por adquisicións procedentes doutra persoa falecida (adquisicións mortis causa ). É un imposto cedido ás comunidades autónomas. Imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados: é un imposto indirecto que se lles aplica ás transmisións de todo tipo de bens e dereitos, a determinadas operacións que realizan as empresas e a actos que se teñen que documentar oficialmente. É un imposto cedido ás comunidades autónomas. Imposto xeral indirecto canario (IXIC): é un imposto indirecto que recae sobre o consumo de bens e servizos nas Illas Canarias. É, polo tanto, moi parecido ao IVE. Nas Illas Canarias non se aplica o IVE senón o IXIC. Ingresos públicos: son as cantidades das que dispoñen o Estado e demais administracións públicas para financiar os gastos públicos. Os ingresos públicos máis importantes son os procedentes dos impostos. Intrastat: sistema estatístico para o tratamento dos datos de intercambio comercial entre os países membros da Unión Europea. Glosario - LLevante: concesión da autoridade aduaneira para que o exportador ou o importador, segundo sexa o caso, poidan dispoñer da mercadoría que tiñan depositada nos recintos aduaneiros.Glosario - MMercado único europeo: réxime comercial e tributario común a todos os países da Unión Europea que implica a libre circulación de mercadorías no seu interior e a aplicación de igual normativa e política comercial para os intercambios con terceiros países. Mínimo persoal e familiar: é a cantidade de diñeiro que todos necesitamos para poder vivir dignamente como persoas e poder pagar as nosas necesidades básicas e que, por iso, non tributa no IRPF. Esta cantidade varía segundo as circunstancias persoais e familiares do contribuínte. Mínimo persoal e mínimo familiar: é a cantidade de diñeiro que todos necesitamos para poder vivir dignamente como persoas e poder pagar as nosas necesidades básicas e que, por iso, non tributa no IRPF. Esta cantidade varía segundo as circunstancias persoais e familiares do contribuínte (número de fillos, número de ascendentes, número de persoas minusválidas). Glosario - OObrigas tributarias: constitúen unha serie de accións que, por mandato legal, deben realizarse. Por exemplo, sono o pagamento de impostos no prazo e da forma que determina a lei. Tamén o son a subministración de información económica que a lei tributaria establece, aínda que o resultado desta obriga non sexa unha achega económica. Outros servizos da Axencia Tributaria: encárganse dentro da Axencia Tributaria de coidar a súa organización interna e planificar a súa actividade. Así mesmo, ocúpanse de todo o relacionado cos recursos humanos ou persoas que traballan na Axencia Tributaria. Ademais, tamén se encargan de que a Axencia Tributaria conte con todos os medios materiais necesarios para realizar as súas funcións. Por último, tamén se ocupan de que a actuación da Axencia se axuste á lei e que cumpra debidamente os seus obxectivos. Glosario - PPontaxe: dereitos que se pagan nalgunhas partes para pasar polas pontes. Portal da Axencia Tributaria: a través de www.agenciatributaria.es pódese obter moita información relativa ao sistema fiscal español e á Axencia Tributaria. Portas (dereito de): o que se pagaba pola entrada de produtos e mercadorías nas poboacións e que viñan a ser unha imposición sobre o consumo. Recadábase en fielatos ou “aduanas interiores”. Constituía un obstáculo para a libre circulación de mercadorías e servizos. Portaxe: dereitos que se pagan por pasar por un sitio determinado dun camiño. Presuposto público: documento que cumpre as finalidades xa expresadas do presuposto do Estado, pero referido a outra entidade pública, como pode ser un concello, unha deputación provincial ou unha comunidade autónoma. O presuposto público constitúe o eixe da actividade financeira da respectiva entidade pública ao longo do ano, pois constitúe unha guía e un mandato das tarefas que se van realizar. Presupostos xerais do Estado: documento aprobado por lei cada ano no que se determina o montante máximo do que o Estado pode gastar e en que ha de gastalo e no que se prevén os ingresos necesarios para financiar ese gasto. Programa PADRE: é un programa informático de axuda creado pola Axencia Tributaria para facilitar a confección da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas. Progresividade dos impostos: s impostos pódense liquidar segundo os seguintes criterios: a) Todos pagan a mesma cantidade (“capitación”); b) Proporcionalmente á súa respectiva capacidade económica (o 15 por cento por exemplo); e c) Máis que proporcionalmente á súa capacidade económica (“imposto progresivo”). Nesta última modalidade quen ten, por exemplo, unha renda de 30.000 euros paga o 10 por cento polos primeiros 6.000 euros; o 12 por cento polos segundos 6.000 euros, o 15 por cento polos terceiros 6.000 euros, etc. Significa non pagar unha porcentaxe lineal por todo o diñeiro que se ten, senón distribuír o diñeiro que se ten en tramos, e onde a porcentaxe que se aplica (tipo impositivo) vai sendo maior segundo vai ascendendo o tramo de diñeiro. Glosario - RReducións: son cantidades que minoran a base impoñible (a renda menos os gastos deducibles e menos o mínimo persoal e familiar) do imposto sobre a renda das persoas físicas. Establécense pola lei e, entre elas, poden citarse as seguintes: por rendementos do traballo, por coidado de fillos, por idade, por minusvalía, por achegas a plans de pensións. Regalías: dereitos ou tributos que cobraban os reis pola cesión do aproveitamento de determinados bens (augas, montes, salinas, mina, caza, etcétera) e por autorizar o exercicio de industrias ou actividades polos particulares. Máis tarde intégranse nas taxas dos nosos días. Esta acepción financeira da “regalía” non debe confundirse coa prerrogativa do rei en certos asuntos relixiosos fronte á autoridade eclesiástica. Renda estancada: a que procede dun artigo cuxa venda exclusiva se reserva o Goberno.

Renda: é o obxecto do imposto sobre a renda das persoas físicas. Enténdese que está constituída pola totalidade dos rendementos (do traballo, de actividades económicas e do capital), e polas ganancias e perdas patrimoniais.

Repercusión: consiste en trasladar a cota do imposto ao prezo do ben ou servizo do que se trate. É un mecanismo característico do imposto sobre o valor engadido: o empresario que intervén en cada fase da cadea de produción–comercialización trasládalle, na factura que expide, o imposto ao empresario que intervén na fase seguinte, o cal pode deducir a cota repercutida que soportara, e así sucesivamente. Retencións: son cantidades que os pagadores de determinadas rendas están obrigados pola lei a detraer desas rendas que pagan e ingresalas en Facenda, en concepto de ingreso a conta do imposto persoal que os preceptores das rendas teñen que pagar. No imposto sobre a renda das persoas físicas, as empresas teñen que efectuar todos os meses esas retencións sobre o soldo que lles pagan aos empregados. Cando chegue o momento de facer a súa declaración, os empregados descontarán esas cantidades retidas do que teñen que ingresar polo imposto. Tamén os bancos e caixas de aforro aplican retencións sobre os xuros que lles pagan ás persoas que teñen abertas contas correntes ou de aforro. Igualmente, os profesionais e os empresarios realizan ingresos a conta do imposto sobre a renda das persoas físicas, que cando fan a súa declaración do IRPF se descontan da cantidade final que resulte.
Glosario - SServizos de alfándegas: encárganse, dentro da Axencia Tributaria, de verificar que se paguen os aranceis cando entran ou saen mercadorías da Unión Europea. Ademais, estes servizos ocúpanse de vixiar e loitar contra o contrabando, actividade ilegal que consiste en que entren en España artigos e produtos prexudiciais como as drogas ou prohibidos como as armas ilegais ou tamén en que saian do noso país obxectos valiosos como as obras de arte ou as especies animais e vexetais protexidas. Servizos de informática: encárganse, dentro da Axencia Tributaria, de almacenar, organizar e tratar informaticamente os millóns de datos dos que dispón a Axencia Tributaria. Servizos de inspección tributaria: encárganse, dentro da Axencia Tributaria, de controlar que todas as persoas (contribuíntes) cumpran coas súas obrigas tributarias, corrixindo aquelas actuacións que non se axustan ao que establecen as leis e, polo tanto, investigando, reprimindo e sancionando os infractores. Servizos de recadación: encárganse, dentro da Axencia Tributaria, de recibir o diñeiro que pagan os cidadáns (contribuíntes) en cumprimento das súas obrigas tributarias. Tamén se ocupan de lles conceder prazos aos cidadáns que non poden pagar os seus impostos dunha vez, nos casos en que a lei o permite. Finalmente, estas dependencias tratan de conseguir que paguen os que se atrasaron, non só no pagamento dos seus impostos senón tamén no pagamento doutras cantidades que deben, como son as multas de tráfico. Servizos de xestión tributaria: encárganse, dentro da Axencia Tributaria, de informar e axudarlles a todas as persoas (contribuíntes) para que poidan cumprir as súas obrigas fiscais. Tamén se ocupan, xunto cos servizos de inspección, de corrixir aquelas actuacións puntuais que non se axustan ao que establecen as leis tributarias. Sistema tributario español: conxunto de impostos e demais tributos existentes en España, establecidos e regulados por lei conforme aos principios enunciados na Constitución. Solidariedade: é a adhesión expresa á causa e á realidade doutros, que se pon de manifesto co ofrecemento expreso de apoio e a posta en práctica dunha axuda material e moral. Glosario - TTarifa progresiva: tipo de gravame, alícuota ou porcentaxe que se vai aplicar sobre a base impoñible cando esta se expresa en cantidades monetarias e esta se divide por tramos, de tal forma que ao aumentar a base e pasar ao tramo seguinte se incrementa o tipo. Significa aplicar porcentaxes maiores (tipos impositivos) aos tramos de diñeiro máis altos. Taxas: son tributos que pagan os cidadáns como consecuencia da realización dunha actuación administrativa que os beneficia individualmente, pero que están obrigados a solicitar ou recibir (por exemplo: a recollida de lixos, ou a expedición do DNI). Territorio aduaneiro comunitario: 

coincide basicamente co territorio da Unión Europea, con determinadas excepcións, por exemplo:

  • En Alemaña, están exceptuados a Illa de Helgoland e o territorio de Büsingen.
  • En Dinamarca, están exceptuadas as Illas Feroe e Groenlandia.
  • En España, están exceptuadas Ceuta e Melilla.
  • En Francia, están exceptuados os territorios de ultramar (Nova Caledonia, Illa Wallis, Illa Futura, Polinesia Francesa e Antártida) e San Pedro e Miquelón e Mayotte.
  • En Holanda, están exceptuadas a Illa de Aruba e as Antillas Holandesas.
  • En Italia, están exceptuados os municipios de Livigno e Campione d'Italia e as augas nacionais do lago de Lugano.

Ademais, forman parte do territorio aduaneiro comunitario San Marino e Mónaco, malia non formar parte do territorio da Unión Europea.

Tipo impositivo: é a porcentaxe que se aplica para obter a cota que hai que pagar polo imposto. No imposto sobre o valor engadido hai tres tipos impositivos: o xeral do 16%, o reducido do 7% e o superreducido do 4%. Os tipos reducido e superreducido só se aplican nos casos establecidos pola lei. Tributos: son achegas monetarias establecidas polas leis para lle proporcionar ingresos á Facenda Pública co obxecto de que esta poida atender os gastos públicos. Clasifícanse en impostos, taxas e contribucións especiais. Os impostos son os tributos máis importantes e que os cidadáns deben pagar obrigatoriamente sen que exista unha contraprestación individualizada específica, e que se fundamentan en feitos que demostran a capacidade económica dos cidadáns (por exemplo: o IRPF ou o IVE). As taxas son tributos que pagan os cidadáns como consecuencia da realización dunha actuación administrativa que os beneficia individualmente, pero que están obrigados a solicitar ou recibir (por exemplo: a recollida de lixos, ou a expedición do DNI). As contribucións especiais son tributos que se pagan cando unha actuación pública dirixida a satisfacer unha necesidade colectiva lles produce un beneficio especial a determinados individuos (por exemplo: o aumento de valor dun terreo como consecuencia da realización dunha obra pública).
Glosario - VValor engadido: é o incremento de valor que experimentan os bens e servizos como resultado do seu paso por cada unha das fases do proceso produtivo e de comercialización ata que chegan ao consumidor final.