Nota aclaratoria sobre a redución do tipo de retención no exercicio 2013 por estar a efectuar pagamentos por préstamos destinados á adquisición ou rehabilitación da vivenda habitual (MINOPAGO)

NOTA SOBRE A REDUCIÓN DO TIPO DE RETENCIÓN NO EXERCICIO 2013 POR ESTAR A EFECTUAR PAGAMENTOS POR PRÉSTAMOS DESTINADOS Á ADQUISICIÓN OU REHABILITACIÓN DA VIVENDA HABITUAL

Con carácter xeral, dende o 1 de xaneiro de 2013 quedou suprimida no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) a dedución por investimento en vivenda habitual anteriormente regulada no artigo 68.1 da Lei do citado imposto.Non obstante, a disposición transitoria décimo oitava da devandita Lei, na redacción dada a esta pola Lei 16/2012, do 27 de decembro, pola que se adoptan diversas medidas tributarias dirixidas á consolidación das finanzas públicas e ao impulso da actividade económica (BOE de 28-12-2012), establece determinados supostos e condicións nos que a mencionada dedución poderá continuar practicándose a partir da indicada data.

Estes cambios normativos suscitaron algunhas dúbidas sobre a aplicación no exercicio 2013 da redución en dous enteiros do tipo de retención, prevista no último parágrafo do artigo 86.1 do Regulamento do IRPF, para perceptores de rendementos do traballo con retribucións inferiores a 33.007,20 euros anuais que comunicasen ao seu pagador que destinan cantidades para a adquisición ou rehabilitación da súa vivenda habitual utilizando financiamento alleo polas que van ter dereito á dedución por investimento en vivenda habitual.

En concreto, considérase en que supostos procede aplicar, a partir do 1 de xaneiro de 2013, a redución do tipo de retención anteriormente mencionada e, en consecuencia, que contribuíntes poden cumprir a partir da devandita data o apartado 5 do modelo 145, que a continuación se reproduce, para comunicar ao pagador de rendementos do traballo o dereito á citada redución.

Modelo 145:apartado 5

En relación coa cuestión formulada, cabe distinguir:

  1. Contribuíntes que, a partir do 1 de xaneiro de 2013, manteñen o dereito á redución do tipo de retención a que se refire o último parágrafo do artigo 86.1 do Regulamento do IRPF polo que, se é o caso, poden comunicar ao seu pagador a devandita circunstancia no modelo 145.

    De acordo co establecido na disposición transitoria undécima do Regulamento do IRPF e na disposición transitoria décimo oitava da Lei do imposto, a partir do 1 de xaneiro de 2013 poden presentar o modelo 145 comunicando o dereito á redución do tipo de retención aplicable sobre os seus rendementos do traballo os contribuíntes que, cumprindo os requisitos establecidos para o efecto no último parágrafo do artigo 86.1 do Regulamento do IRPF, se encontren nalgún dos seguintes supostos:

    1. Contribuíntes que adquirisen a súa vivenda habitual con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013.
    2. Contribuíntes que xa tivesen satisfeito cantidades con anterioridade a 1 de xaneiro de 2013 por obras de rehabilitación da vivenda habitual, a condición de que as citadas obras estean rematadas antes de 1 de xaneiro de 2017.

    Sempre que, en ambos os dous supostos, o contribuínte non comunicase esta circunstancia nun modelo 145 presentado con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013, en cuxo caso non será necesario reiterar a devandita comunicación.

  2. Contribuíntes que, a partir do 1 de xaneiro de 2013, non poden comunicar no modelo 145 o dereito á redución do tipo de retención a que se refire o último parágrafo do artigo 86.1 do Regulamento do IRPF.

    Por non ter dereito a dedución por investimento en vivenda habitual no exercicio 2013, non terán tampouco dereito no devandito exercicio á redución do tipo de retención por este concepto e, por conseguinte, non poden presentar o modelo 145 comunicando ao seu pagador a devandita circunstancia, os seguintes contribuíntes:

    1. Os contribuíntes que adquiran a súa vivenda habitual con posterioridade ao 31 de decembro de 2012.
    2. Os contribuíntes que, así mesmo con posterioridade ao 31 de decembro de 2012,  realicen investimentos destinados á rehabilitación da súa vivenda habitual, salvo que xa tivesen satisfeito cantidades por tal concepto con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013, sempre que as obras estean rematadas antes do 1 de xaneiro de 2017.

Madrid, xaneiro de 2013