As multinacionais españolas pagan polo Imposto sobre Sociedades a nivel mundial o 12,6% do seu beneficio

Análise da información declarada no ‘Informe país por país – CBC

  • España, país pioneiro en publicar unha explotación estatística do ‘Country by Country report'Referido a 2016

  • Medido en termos de devindicación, non de caixa, o imposto alcanzou o 15,5% do beneficio. A estatística reflicte unha gran dispersión de tipos efectivos
  • A análise recolle de forma agregada a información subministrada por 134 multinacionais con facturación anual superior a 750 millóns e que teñen matriz española

  • A información afecta a máis de 16.000 filiais, delas case 11.000 estranxeiras, cunha facturación global de máis de 934.000 millóns de euros, uns beneficios netos globais de máis de 91.800 millóns e un Imposto sobre Sociedades pagado a nivel mundial de 11.600 millóns

26 de novembro de 2019.- As 134 multinacionais españolas que en 2016 contaban cunha facturación anual de máis de 750 millóns de euros pagaron ese ano en todo o mundo 11.594 millóns de euros polo Imposto sobre Sociedades, un 12,6% do seu beneficio global, que alcanzou os 91.849 millóns de euros. Medido en termos de devindicación, non de caixa, o imposto alcanzou un total de 14.260 millóns para estes grupos, un 15,5% do beneficio.

Estes datos figuran na análise elaborada pola Axencia Tributaria a partir da información subministrada polas empresas a través do modelo 231 de declaración de información ‘País por país’ (Country by country reportCBC  polas súas siglas en inglés) referido a 2016, primeiro ano no que estaba vixente esta obriga de información que ten por obxecto recompilar datos agregados do colectivo para o intercambio de información entre administracións tributarias establecido nos acordos ‘BEPS’ (‘Erosión de Bases e Traslado de Beneficios’) da OCDE . O estudo encóntrase publicado na páxina web da Axencia, www.agenciatributaria.esNova ventá .

A análise efectuada pola Axencia Tributaria, pioneira a nivel mundial, ofrece de forma agregada a información dos 134 grupos e as súas 16.160 filiais, delas as 10.967 estranxeiras, para manter a esixencia de confidencialidade establecida nos propios acordos BEPS.

Con vocación de transparencia, preténdese así achegar información útil para os estudos e análise do público en xeral, e dos investigadores en particular, contribuíndo ao debate internacional sobre a tributación dos grandes grupos societarios, sobre como distribuíla entre os países nos que operan e sobre o establecemento dun chan de tributación.

Tributación mundial efectiva e distribución por tipos impositivos

A análise elaborada afecta grupos de matriz española que globalmente sumaron 934.408 millóns de euros de facturación mundial en 2016, cuns beneficios netos globais incorporados polas empresas ao  CBC que totalizaron 91.849 millóns de euros.

O imposto pagado por estes 134 grupos sumou 11.594 millóns en termos de caixa. Os resultados mostran unha gran dispersión de tipos efectivos sobre beneficios. A estatística reflicte que só 43 multinacionais sumaron o 49,1% do beneficio de todo o colectivo e, non obstante, só representaron o 10,5% da cota total pagada polo conxunto de multinacionais.

A análise do CBC efectúase tamén en termos de imposto devindicado. Os impostos devindicados e os pagados non coinciden debido a que o criterio de cómputo é diferente.

En devindicación, o imposto será a cota líquida do exercicio fiscal 2016, formada pola suma dos pagamentos fraccionados e a cota diferencial do mesmo ano fiscal 2016. En cambio, o imposto "pagado" é a combinación dos pagamentos fraccionados de 2016 e a cota diferencial de 2015. Esta diferenza fai que, por exemplo, os créditos fiscais aplicados que se inclúen nun ou outro concepto (devindicado e pagado), sexan diferentes.

Diferenzas entre as estatísticas españolas e o CBC

Este estudo vén a complementar a información que vén publicando a Axencia sobre os datos declarados en Sociedades polas empresas individuais e os grupos consolidados españois.

Ata agora, a Axencia Tributaria veu publicando estatísticas baseadas nos datos declarados no Imposto sobre Sociedades en España, que presentan os tipos efectivos aos que tributan as empresas e grupos no noso país, calculando os devanditos tipos tanto sobre as bases impoñibles do imposto coma sobre os resultados contables declarados, incluíndo estes últimos tamén as rendas obtidas no exterior e susceptibles de ter tributado noutros países.

Polo tanto, no caso das empresas globalizadas a información presentada non era completa ao non se dispoñer aínda de información sobre a súa tributación no resto dos países. Con esta análise do CBC complétase a información posto que, por primeira vez, se publican os impostos devindicados e os que se consideran pagados polos grandes grupos españois en todo o mundo grazas á declaración ‘País por país’.

En todo caso, a información referida ao CBC non é comparable coa existente nas estatísticas publicadas pola AEAT sobre a tributación en España, ao existir grandes diferenzas metodolóxicas.

A principal diferenza estriba no concepto de ‘beneficio’ que recolle o  CBC e o que figura nas Contas Anuais Consolidadas de Sociedades que publica a Axencia. No CBC faise referencia a un beneficio neto; é dicir, unha vez descontadas as perdas de todas as filiais dun grupo nunha mesma xurisdición fiscal.

En cambio, nas Contas Anuais tómase como referencia o beneficio bruto (non considera as perdas), que se entende como unha magnitude máis precisa e próxima á filosofía dun imposto que só pretende gravar os resultados positivos.

Ao tomarse os beneficios netos, descontando as perdas, os tipos impositivos resultantes son superiores aos que se obterían se o CBC incluíse o beneficio bruto.

Que é o ‘CBC’?

O ‘Country by country’ (CBC), ou información ‘País por país’, é un modelo de declaración informativa que deben presentar, no seu domicilio fiscal de residencia, as matrices de multinacionais con cifra neta de negocios consolidada a nivel mundial superior a 750 millóns de euros. A información, que debe afectar o conxunto de entidades que formen parte do grupo fiscal, preséntase en España a través do modelo 231 de declaración e correspóndelle a presentación ás multinacionais de matriz española.

O obxectivo do CBC é recompilar datos agregados e anonimizados deste colectivo de grandes multinacionais para o intercambio de información establecido nas accións 11 e 13 dos ‘Acordos BEPS’ (siglas en inglés de Erosión de Bases e Traslado de Beneficios, de maneira que se proporcione aos Estados unha perspectiva global da actividade intragrupo das súas maiores multinacionais.

A información remitida polas matrices de todas as súas filiais no estranxeiro para o exercicio fiscal iniciado a partir do 1 de xaneiro de 2016 inclúe o detalle das seguintes variables por cada unha das xurisdicións (países) nas que operan:

  • Número de entidades (filiais) que forman parte do grupo

  • Cifra de negocios

  • Beneficios (perdas) antes de impostos
  • Imposto sobre Sociedades (pagado e en devindicación)

  • Capital e reservas

  • Número de traballadores

  • Activos tanxibles (inmobilizado material)