A Axencia Tributaria terá acceso á base de datos dos notarios sobre titularidades reais de sociedades para reforzar a loita contra a fraude

prensa

Convenio entre a Axencia Tributaria e o Consello Xeral do Notariado

  • A información actualizarase mensualmente e será de grande utilidade para a loita contra a fraude fiscal xerada a partir da creación de armazóns societarias opacas
  • A aparente falta de relación entre este tipo de sociedades facilita a creación de redes de facturación falsa ou operativas tales como a colocación ilícita de rendas en entidades sen tributación efectiva, a obtención de devolucións improcedentes ou o alzamento de bens
  • Á súa vez, acórdase o acceso da Axencia ao Índice Único Informatizado Notarial, que ofrecerá información de gran relevancia para o control tributario, como a identificación das persoas que, ante notario, outorgan e reciben poderes, así como as datas de nomeamento e revogación deses poderes 

5 de febreiro de 2020.- A Axencia Tributaria e o Consello Xeral do Notariado subscribiron un convenio en virtude do cal a Axencia poderá acceder á información contida na Base de Datos de Titularidade Real do Notariado, información que será de grande utilidade para a loita contra a fraude fiscal en relación coa creación de armazóns societarias opacas con fins fraudulentos.

De igual forma, a Axencia poderá contar tamén cunha subministración periódica de información de determinadas operacións ou grupos de operacións contidas no Índice Único Informatizado Notarial, así como cun acceso telemático directo e individualizado ao Índice Único, e regúlase igualmente a posibilidade de efectuar requirimentos específicos de información ao Notariado.

O acordo entre ambas as dúas partes supón un reforzamento da colaboración que a Axencia e o Notariado viñan mantendo sobre a base de convenios anteriores, así como unha sensible mellora na obtención de información para a loita contra a fraude, ofrecendo, polo tanto, uns beneficios que redundarán na sociedade no seu conxunto.

A Base de Datos de Titularidade Real

O acceso sistemático da Axencia á información dos notarios sobre titularidades reais de persoas xurídicas permitirá reforzar o control das armazóns societarias de entidades supostamente independentes.

A aparente falta de conexión entre este tipo de sociedades facilita aos que as controlan a creación de redes de facturación falsa ou operativas fraudulentas como a facturación recíproca para eliminar beneficios do grupo, o desprazamento ilícito de rendas cara a entidades sen tributación efectiva, a obtención de devolucións improcedentes ou o alzamento de bens.

O convenio contempla, igualmente, que ambas as dúas partes acordarán a forma en que a Axencia poderá obter, ata onde alcance a información da base de datos, a secuencia de entidades a través das cales unha persoa física é o titular xurídico dunhas accións ou participacións, así como a porcentaxe real da súa participación (en función das sucesivas porcentaxes de participacións indirectas).

O mecanismo de subministración da información deberá prever tanto consultas ‘ascendentes’ (a partir dunha sociedade, coñecer os seus propietarios persoas físicas), como á inversa (consultas ‘descendentes’).

A información da Base de Datos de Titularidade Real, que a Axencia considera de elevada calidade e utilidade para a represión da fraude fiscal, estará á súa disposición no prazo de dous meses e actualizarase cunha periodicidade mensual.

Información do Índice Único Notarial

Paralelamente, o convenio considera a subministración á Axencia de actos e operacións contidas no Índice Único Informatizado Notarial, subministración que se realizará por medios informáticos ou telemáticos, cunha actualización quincenal da información.

Neste caso, resulta de especial importancia para a Axencia a información que obterá sobre actos e operacións nas que participe unha persoa xurídica ou un ‘trust’, dada a asiduidade con que se realizan operacións societarias coa única finalidade de crear redes de opacidade que permiten a realización de actividades defraudatorias. A análise da información contida no índice facilitará á Axencia o estudo das armazóns societarias complexas a través de tecnoloxía ‘Big Data’.

Ademais, a través do Índice Único, a Axencia contará cunha subministración periódica dos datos identificativos de mandantes (as persoas que outorgan un poder a un terceiro para que actúe no seu nome), apoderados e administradores de sociedades, así como as datas de nomeamento e revogación deses poderes. 

De igual forma, o acceso ao índice permitirá á Axencia obter información de interese para o control tributario sobre operacións de financiamento, inmobiliarias, con activos financeiros e con outros valores mobiliarios, e tamén de operacións nas cales os intervenientes ante o notario se negasen a identificar os medios de pagamento utilizados, ou non os acreditasen completamente, ou ben os casos en que incumprisen a obriga de achegar ao notario o Número de Identificación Fiscal, ou o documento ‘S-1’ de movementos de efectivo cando é pertinente.

Acordo de facilitación de xestións para os notarios

Por outra parte, o Consello Xeral do Notariado e a Axencia Tributaria asinaron tamén un acordo polo que se establece un marco xeral de colaboración sobre os termos e condicións nos que os notarios poden realizar actuacións ante a Axencia por conta dos obrigados tributarios que interviñesen na súa notaría.

Así, facilítase aos notarios a presentación de declaracións de carácter censal que permitirán a obtención de NIF en determinados supostos, así como a presentación de declaracións no ámbito do Imposto sobre Sucesións e Doazóns cando os contribuíntes deban tributar ao Estado.