A Axencia Tributaria liquidou máis de 600 millóns de euros en 2019 a grandes patrimonios, un 75% máis

Balance anual de resultados de control tributario

  • Realizáronse 29.600 actuacións de control sobre grandes empresas, patrimonios e economía mergullada
  • As inspeccións a contribuíntes sobre os que se recibiu información de contas no exterior levaron a liquidar 293 millóns de euros en 2019
  • Máis de 2.900 actuacións inspectoras con descubrimento de vendas ocultas permitiron regularizar cotas por importe de 674 millóns
  • As campañas de avisos en datos fiscais sobre alugueres incrementaron xa en 228.000 o número de declarantes e xeraron un ensanchamento de bases impoñibles de máis de 2.600 millóns de euros nestes anos
  • En 2019, a Axencia Tributaria obtivo 15.715 millóns de euros de ingresos como resultado global do seu labor de control e realizou minoracións de bases impoñibles negativas, de deducións en cota pendentes de aplicar e de cotas a compensar, cun efecto en termos de incremento de cotas tributarias de case 7.200 millóns de euros, máis do dobre que o ano anterior 

2 de xullo de 2020.- A Axencia Tributaria incrementou sensiblemente o resultado das súas actuacións de control sobre os grandes patrimonios de persoas físicas en 2019, de tal forma que o pasado ano logrou liquidar débeda por un importe de 608 millóns de euros, un 75% máis que no exercicio anterior, elevando tamén (+78%) o número de expedientes finalizados (880), de forma que en dous anos se acumula xa un incremento do 156% nos expedientes pechados sobre este colectivo de grandes fortunas.

A evolución do cumprimento voluntario do colectivo de contribuíntes con maiores fortunas tamén mostra un potente efecto inducido das actuacións de control, dado que en 2019 as súas bases impoñibles en IRPF creceron un 16% interanual e as súas cotas un 13%.

Crecen as actuacións inspectoras

Estes resultados forman parte dun novo modelo de medición da actividade de comprobación que efectúa a Axencia, un modelo que, dende hai dous anos, supera a tradicional división entre control intensivo e extensivo para situar a análise no ámbito da tipoloxía das actuacións, dando así prioridade á selección de riscos fiscais e á utilización dun procedemento ou outro (intensivo ou extensivo) por criterios de eficiencia.

No seu segundo ano en vigor, polo tanto, este novo modelo de medición permite xa realizar comparacións interanuais para cada unha das novas epígrafes de actuacións.En conxunto, a Axencia realizou máis de 1.664.000 actuacións de control sobre tributos internos en 2019, o que supón un 5,6% máis que o ano anterior, das cales máis de 1.613.000 (+5,3%) son actuacións de comprobación e máis de 51.000 son actuacións de investigación e de carácter auxiliar (14,6% máis).

Desa cifra global de comprobacións, 29.631 actuacións nominais (+7,3%) dirixíronse a grandes empresas, patrimonios de persoas físicas, abusos societarios e economía mergullada, consumindo este tipo de actuacións un elevado número de recursos, caracterizados, ademais, pola súa alta cualificación.

En concreto, a Axencia realizou 20.144 actuacións sobre grandes empresas, multinacionais e grupos fiscais (un 8,6% máis), 2.447 comprobacións en materia de análise patrimonial e societaria (+1,2%) e 5.241 en relación coa ocultación de actividade e o abuso de formas societarias (4,7% máis).

A cifra de 29.631 comprobacións complétase con 1.799 actuacións (un 9% máis) que supuxeron un afloramento de vendas ocultas no marco do control de actividades económicas.Estas 1.799 actuacións súmanse ás que tamén supuxeron afloramento de vendas, pero que se encontran xa incluídas nas anteriores epígrafes de análise patrimonial e societaria, e de ocultación de actividade e abuso de formas societarias.

En termos recadatorios globais, e como consecuencia do seu labor na prevención e a loita contra a fraude, en 2019 a Axencia obtivo 15.715 millóns de euros, un 4,1% máis que o ano anterior.

A Axencia Tributaria tamén realizou minoracións de bases impoñibles negativas, de deducións en cota pendentes de aplicar e de cotas a compensar, cun efecto en termos de incremento de cotas tributarias de case 7.200 millóns de euros, un 118% máis que o ano anterior e un 95% máis que na media dos tres anos anteriores.Dese total de case 7.200 millóns, un 73% correspóndese con actuacións da Delegación Central de Grandes Contribuíntes.

Trátase de actuacións moi relevantes que, se ben non computan nos resultados de control, ao non supoñer ingreso nin minoración de devolucións, resultan dunha gran transcendencia para ensanchar bases impoñibles futuras e elevar a recadación.Precisamente, no presente ano, e de acordo coas directrices do Plan Anual de Control Tributario, esta vertente do control tributario verase impulsada mediante a posta en marcha dun plan especial que sumará ás actuacións habituais unha maior énfase na revisión das bases impoñibles negativas pendentes de aplicar polas empresas en exercicios futuros.

Catálogo de 570 provedores de grandes fortunas

Paralelamente ao incremento de liquidacións sobre grandes fortunas implementado polos distintos ámbitos territoriais do control inspector da Axencia, no seu primeiro ano completo de funcionamento, a nova Unidade Central de Coordinación do Control de Patrimonios Relevantes está a desenvolver unha serie de proxectos para seguir reforzando e actualizando os sistemas de control sobre o colectivo.

Exemplo diso é a creación dun catálogo de máis de 570 provedores de bens e servizos de luxo que a Unidade considerou que poden asociarse a contribuíntes con moi alta capacidade económica (clubs privados;xestores de investimento de grandes patrimonios;xoiarías, galerías de arte e casas de poxas;centros de ocio, etc).

A partir da análise destes provedores, a Unidade obtén información que está a resultar moi útil para detectar os destinatarios directos deses bens e servizos de luxo e, unha vez detectados, aflorar irregularidades fiscais de grandes fortunas e tamén patrimonios directamente ocultos detrás de sociedades instrumentais, para efectos tanto de regularizar os incumprimentos coma de asegurar o cobramento das débedas por parte da Área de Recadación.

O control a partir de información de contas no exterior

Nos últimos anos, as distintas administracións tributarias viron reforzada a súa capacidade de acción sobre as rendas non declaradas a partir das sucesivas directivas europeas de intercambio automático de información (‘DAC’), os mecanismos estandarizados a nivel OCDE e outros acordos.

Tras o necesario labor de depuración e consolidación da información, a Axencia Tributaria pode comezar a ofrecer resultados cuantitativos do conseguinte labor de control.

Neste sentido, o control inspector sobre contribuíntes dos que se recibiu información sobre contas financeiras no exterior a través da directiva europea ‘DAC2’, o estándar CRS da OCDE e o acordo ‘Fatca’ con EEUU permitiu liquidar en tres anos máis de 435 millóns de euros a 1.200 contribuíntes, dos cales 293 millóns se concentraron en 2019.

De xeito complementario, o pasado ano impulsáronse os controis extensivos sobre rendas comunicadas a través dunha directiva europea anterior, a denominada ‘DAC1’, información que a Axencia viña utilizando ata agora especialmente para fomentar o cumprimento en período voluntario de declaración de IRPF a través dos ‘avisos’ en datos fiscais.

Nesta outra fase, a da comprobación xestora, as actuacións realizadas xeraron liquidacións da Axencia e declaracións extemporáneas dos contribuíntes por un importe conxunto de máis de 55 millóns de euros a través de máis de 26.000 expedientes.

Tarxetas ‘offshores’

Por outra parte, a información solicitada pola Oficina Nacional de Investigación da Fraude sobre utilización de tarxetas emitidas no exterior (‘tarxetas offshores’) permitiu ás distintas dependencias territoriais da Axencia liquidar débeda por importe de 58 millóns de euros en 2019 e un total de 79 millóns dende 2018.Ademais, o ano pasado déronse de alta expedientes que afectan 57 contribuíntes con tarxetas ‘offshores’ e que ofrecerán resultados adicionais no futuro.

Tamén dentro das actuacións máis relevantes un ano máis se encontran as que se realizaron no ámbito da fiscalidade internacional, e moi especialmente aquelas que contaron co apoio da Oficina Nacional de Fiscalidade Internacional.En 2019, a ONFI participou en 76 comprobacións inspectoras finalizadas, que deron lugar a axustes en base impoñible estimados en 1.840 millóns de euros. 

Á súa vez, a ONFI participou na xestión de 25 Acordos Previos de Valoración (APA) con resultado estimativo que supoñen garantir a futuro bases impoñibles por un importe de máis de 2.100 millóns de euros.

Loita contra a economía mergullada

A Axencia, ao mesmo tempo, seguiu mantendo unha intensa actividade de control para aflorar a actividade económica oculta.En 2019, realizou 2.927 actuacións inspectoras baixo distintos programas de comprobación (as xa mencionadas 1.799 no ámbito do control de actividades económicas e o resto noutros programas) nas que descubriu vendas ocultas, regularizando cotas por un importe de 674 millóns de euros.

Nesta loita contra a economía mergullada continúan xogando un papel esencial as Unidades de Auditoría Informática (UAI), que en 2019 participaron en 2.181 entradas e rexistros (13,9% máis), con envorcados informáticos que facilitan o descubrimento de rendas ocultas, permiten mellorar a obtención de probas e reducen a duración das comprobacións.As actuacións destas características deron como resultado en 2019 a regularización de cotas e sancións por importe de 302 millóns de euros a través de 5.466 actas de inspección a contribuíntes que previamente foron obxecto de intervencións coas UAI.

Esta actividade afecta a actuacións atomizadas por todo o territorio nacional, incluíndo entre elas as que se realizan no seo das grandes macrooperacións coordinadas con entradas e rexistros que se veñen desenvolvendo para o descubrimento de actividade económica oculta e a detección de software de ocultación de vendas en sectores concretos de actividade.

Como consecuencia destas macrooperacións desenvolvidas nos últimos anos, en 2019 a Axencia liquidou cotas tributarias por importe de 76 millóns de euros, elevando o balance global deste tipo de actuacións ata os 267 millóns de euros liquidados a través de máis de 1.200 expedientes da Área de Inspección.

Todas estas actuacións de comprobación inspectora no ámbito da loita contra a economía mergullada compleméntanse co plan de visitas.En 2019 a Axencia realizou máis de 30.700 actuacións presenciais (‘peiteados’) destinadas ao control in situ en sectores e ámbitos de risco fiscal.Entre estas actuacións encóntranse as máis de 1.100 visitas complementarias das macrooperacións sectoriais de entrada e rexistro, un 22,8% máis que o ano anterior.

Non obstante, o programa con maior número de visitas, máis da metade do total, segue sendo o Plan de Visitas IVA (máis de 15.500 expedientes, cifra similar á do ano anterior), que botou como resultado positivo unha mellora de máis do 60%, ata os 104 millóns de euros, nos ingresos por IVA das empresas afectadas polas visitas no período comprendido entre o inicio do plan de 2019 e final de ano, en comparación co mesmo período de 2016 (o ano previo ao primeiro ‘Plan IVA’).

Estas análises permiten apreciar o efecto inducido destas actuacións dende unha perspectiva máis global, dado que estes contribuíntes veñen coñecendo dende entón o interese da Axencia por reforzar ese ámbito do control tributario.

Afloramento de alugueres mergullados

Outro capítulo de especial relevancia no terreo da loita contra a actividade non declarada é o control de alugueres mergullados, onde segue destacando o efecto inducido que está a supoñer o envío de avisos de datos fiscais a presuntos arrendadores durante as últimas campañas do Imposto sobre a Renda.

En catro anos, estes avisos xeraron un incremento de máis de 228.000 declarantes (o 40% do incremento total de declarantes de rendementos inmobiliarios no período), cunha maior base impoñible declarada de máis de 2.600 millóns de euros (que explicaría o 47% do aumento total dos rendementos inmobiliarios do período). 

Resultados da Área de Recadación

Dentro da área de Recadación, seguíronse impulsando as actuacións máis cualificadas para lograr o cobramento efectivo das débedas tributarias.Neste sentido, realizáronse 23.552 derivacións de responsabilidade, máis do dobre que o ano anterior.Paralelamente, o importe das débedas de debedores principais esixidas a terceiros duplicouse tamén, ata alcanzar os 2.280 millóns de euros.

Á súa vez, en 2019 tramitáronse 611 expedientes (un 74% máis) de prohibición de dispoñer de inmobles de sociedades cuxas participacións ou accións foron maioritariamente embargadas por pertencer a un debedor, e realizáronse 1.614 requirimentos de información ou embargo a autoridades estranxeiras para o cobramento de débedas, un 78% máis que en 2018.

Por outra parte, durante o pasado ano tamén se desenvolveron os habituais labores de control de impostos especiais e ambientais, control aduaneiro e en materia de contrabando, narcotráfico, branqueo e outros delitos económicos.Ao mesmo tempo, mantívose a actividade habitual de colaboración coa xustiza e con outras administracións no ámbito nacional e internacional, e impulsouse a prevención da fraude mediante as ferramentas de información e asistencia e os foros cooperativos nos que participa a Axencia Tributaria.

  • RSS
  • Mapa web
  • Accesibilidade
  • Axuda