A AEAT participa na primeira reunión de directores de Administracións tributarias de países da UE

Grupo ‘Tadeus’

  • O foro xorde co obxectivo de reforzar a cooperación das Administracións tributarias europeas e desenvolver unha coordinación no plano estratéxico a longo prazo
  • Entre as materias debatidas, figura a necesidade de obtención de información das plataformas dixitais xeradoras de ingresos para os seus usuarios

2 de outubro de 2019.- A Axencia Tributaria participou na primeira reunión plenaria do grupo Tadeus (Cumio Europeo de Administracións Tributarias), realizada os pasados 17 e 18 de setembro en Helsinki.O foro contou coa presenza do director xeral da AEAT, Jesús Gascón, os seus homónimos da Unión Europea e o director xeral de Fiscalidade da Comisión Europea, Stephen Quest.

Tadeus xorde dos debates abertos o pasado ano pola Comisión Europea, os países membros e as súas Administracións tributarias sobre a conveniencia de crear un foro de axencias tributarias ao máximo nivel que permita reforzar a cooperación das Administracións e establecer unha coordinación estratéxica de accións no longo prazo.

Durante o encontro dedicouse especial atención á evolución de tres proxectos de estudo considerados prioritarios.No primeiro deles, referido á obtención de información das plataformas dixitais que facilitan transaccións xeradoras de ingresos para os seus usuarios, Gascón explicou a experiencia española en relación coa vixente obriga informativa para plataformas de alugueiro vacacional.

Os outros dous proxectos analizados refírense á determinación do nivel de madureza da xestión dos recursos humanos nas Administracións tributarias europeas e á mellora tanto da confianza do contribuínte nas súas Administracións coma do seu cumprimento voluntario.

De igual forma, nas reunións estudáronse novos posibles proxectos, como a proposta francesa sobre medición da execución da cooperación administrativa, na que España se mostrou interesada en participar.Tamén se fixo un repaso do estado de todas as iniciativas de cooperación administrativa que están actualmente en marcha na UE, do seu desenvolvemento normativo e do papel que podería desempeñar Tadeus no deseño da súa estratexia e dos posibles pasos futuros.

Os directores presentes na primeira reunión plenaria de Tadeus asinaron a declaración final do cumio (achégase en documento á parte) e fixaron a próxima reunión para o ano 2020 en Alemaña.