Interceptado ao sur dos Azores un veleiro cunha importante cantidade de cocaína con destino ás costas galegas

Operación da Axencia Tributaria, Policía Nacional e Garda Civil

  •  En paralelo á aprehensión do veleiro e a droga realizouse un amplo despregamento policial na área de Pontevedra, con sete detencións e sete rexistros
  •  Detidos os cinco tripulantes do veleiro, que partiu en xuño da costa pontevedresa para cargar a cocaína ao oeste da illa de Cabo Verde

 

30 de xullo de 2020.- Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, Garda Civil e Policía Nacional en Galicia, no marco da operación conxunta ‘Bateas’, realizaron no día de hoxe un amplo despregamento policial na área de Pontevedra coa realización de sete rexistros e a detención de sete persoas que os investigadores vinculan coa aprehensión, na mañá de onte mércores 29 de xullo, do veleiro ‘Nergha’ de bandeira española, cargado cunha importante cantidade de cocaína, a un millar de millas ao oeste das Illas Canarias e ao sur dos Azores.

O veleiro, interceptado por funcionarios dos tres corpos a bordo do patrulleiro da Armada ‘Bam Rayo’, xunto cos cinco tripulantes detidos, viaxa escoltado a Canarias, onde está previsto que chegue na próxima semana para a súa revisión e confirmación da pesaxe da droga, que de acordo coas investigacións tería por destino previsto as costas galegas.

A abordaxe do veleiro xorde dunha investigación conxunta realizada pola Unidade Operativa de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria en Coruña, Greco e UDYCO Galicia de Policía Nacional, e ECO Galicia e EDOA Pontevedra da Garda Civil. A investigación encóntrase judicializada no Xulgado Central de Instrución número 4 da Audiencia Nacional.

Investigación previa

Dende o mes de decembro de 2019, de forma conxunta, distintas unidades dos tres corpos viñan desenvolvendo unha investigación sobre as actividades ilícitas ás que se estaba a dedicar unha organización criminal instalada na bisbarra do Salnés (Pontevedra).

O desenvolvemento do proceso permitiu aos investigadores non só coñecer as intencións criminais dos compoñentes da organización, senón tamén identificar o medio de transporte que pretendían utilizar para facer chegar a España unha importante partida de cocaína.

Ao longo do segundo trimestre do ano, o traballo policial centrouse no control, tanto do medio de transporte (sometido a reparación e transformación en diferentes portos da provincia de Pontevedra), coma das persoas que ían formar parte da tripulación, como tamén dos que, situados nun chanzo superior da pirámide na que está conformada a organización investigada, dirixían a estratexia cos provedores para cargar o estupefaciente.

Detencións en terra e mar

O veleiro intervido, matriculado en Vigo, saíu do porto de Cobres (Pontevedra) o 16 de xuño de 2020, e tras paradas en Cascais (Portugal) e Cádiz, puxo rumbo ao sudoeste, ata alcanzar unha posición a unhas 600 millas ao oeste de Cabo Verde, coordenadas nas que recibiu o cargamento de droga, que partira dalgún punto por determinar da costa de Sudamérica. Dende esa posición, comezou a navegación cara ao norte, ata o punto no que foi finalmente aprehendido.

A bordo do veleiro procedeuse á detención dos catro tripulantes que saíron en xuño da provincia de Pontevedra (dous españois, un portugués e un brasileiro), máis un quinto tripulante, tamén español, do que se descoñece o medio utilizado para chegar ao veleiro.

De forma paralela, e froito da investigación desenvolvida en terra, no día de hoxe despregouse un importante operativo na provincia de Pontevedra, efectuándose sete detencións e sete entradas e rexistros, nos que se interviñeron entre outros efectos, diversa documentación vinculada co estupefaciente que a organización quería facer chegar a España.

Próxima chegada do veleiro a Las Palmas

O veleiro, acompañado do ‘Bam Rayo’ da Armada, diríxese ao porto de Las Palmas, onde está prevista a entrada a próxima semana para o rexistro da embarcación e pesaxe da droga.

O veleiro aprehendido chamou a atención dos investigadores de Galicia cando, o pasado mes de decembro de 2019, tras unha navegación errática preto das costas galegas, tivo que solicitar apoio de Salvamento Marítimo para chegar a puerto.Se confirma a reactivación da vía marítima como unha das usadas para o intento de introdución de cocaína en Europa, como puxeron de manifesto varias operacións policiais nos últimos meses.

  • RSS
  • Mapa web
  • Accesibilidade
  • Axuda