Detidas 47 persoas en 15 provincias pola importación, manipulación e venda de medicamentos sen control sanitario

Operación conxunta da Axencia Tributaria, Policía Nacional e Garda Civil contra o tráfico ilegal de medicamentos

  • Importaban dende Malaisia grandes cantidades de fármacos como o Tadalafilo e Sildenafilo, principios activos diagnosticados para o tratamento da disfunción eréctil, facéndoos pasar como produtos alimentarios naturais
  • O líder deste grupo delituoso foi detido en Dubai, cidade na que se ocultaba con tres ordes internacionais de detención en vigor
  • Practicados 12 rexistros domiciliarios e 55 inspeccións en locais de venda deste tipo de produtos, e bloqueadas 59 páxinas web e 39 contas bancarias
  • Os produtos, unha vez manipulados no noso país, eran destinados á súa venda en locais como ximnasios, herbolarios e sex shops, e tamén a través de internet

  

25 de febreiro de 2020.- Efectivos da Axencia Tributaria, a Policía Nacional e a Garda Civil levaron a cabo conxuntamente a primeira fase dunha importante operación contra o tráfico ilegal de medicamentos, na que foron detidas 47 persoas, todas de nacionalidade española, agás un súbdito portugués, en provincias como Madrid, Alicante, Xirona, Barcelona, Tarragona, Valencia, Almería, Xaén, Granada, Sevilla, Málaga, León, Salamanca, Valladolid e Canarias, ás que se lles imputan delitos contra a saúde pública, pertenza a organización criminal, estafa, contrabando e branqueo de capitais.

O líder desta organización delituosa, o cidadán español A.D.G., foi detido en Dubai (Emiratos Árabes Unidos), dende onde dirixía a mesma, á vez que se ocultaba con tres ordes de detención internacionais en vigor por distintos delitos, todo iso grazas á rápida coordinación da Agregaduría de Interior de España e ás autoridades emiratís, que permitiu a súa inmediata extradición.

A investigación comezou hai máis dun ano, a raíz da colaboración cidadá mediante unha denuncia anónima, a partir da cal se comezaron a seguir distintos envíos aduaneiros procedentes de Malaisia que puidesen conter principios activos de medicamentos sen ser declarados como tales.

Tadalafilo e Sildenafilo como complementos alimentarios

Esta organización criminal importaba fármacos en grandes cantidades dende Malaisia, sempre declarados falsamente como complementos alimentarios e plantas naturais para sortear os controis aduaneiros e comercializados posteriormente como vigorizantes 100% naturais, cando en realidade se trataba, como quedou constatado en distintas análises, de potentes fármacos como o Tadalafilo e o Sildenafilo, vasodilatadores destinados ao tratamento da disfunción eréctil.

A inxestión destes produtos sen a supervisión médica pode provocar infarto de miocardio, anxina inestable, arritmia ventricular, palpitacións, taquicardias, accidente cerebro vascular e mesmo morte súbita.

Á vista dos resultados destas análises, a Axencia Española do Medicamento retirou do mercado determinados produtos declarados como ‘naturais’, cuxo contido non se correspondería coa súa composición, podendo ser altamente perigosos para a saúde dos consumidores.

Os líderes desta organización, plenos coñecedores dos efectos destes produtos debido ás queixas de clientes e ás continuas retiradas do mercado por parte da Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios, limitábanse a cambiar os nomes comerciais e os empaquetados, continuando coa súa distribución e venda nunha ampla rede de establecementos tipo herbolarios, sex shops e ximnasios, e tamén por internet.Entre as marcas intervidas encóntranse 150 presentacións diferentes.

500.000 euros en efectivo e 59 páxinas web intervidas

De xeito global, esta primeira fase da operación saldouse con actuacións en 15 provincias, destacando 12 rexistros domiciliarios e 55 inspeccións en locais e naves, que levaron consigo a intervención de máis de 500.000 euros en efectivo, 39 contas correntes –dúas delas no estranxeiro–, sete vehículos de alta gama valorados en máis de 300.000 euros e dúas armas de fogo.

Igualmente realizouse o bloqueo de 59 páxinas web dedicadas á venda deste tipo de produtos, quedando constatado polos investigadores que se abasteceu deste tipo de produtos a todo o territorio nacional, así como a países como Portugal, Reino Unido, Francia, Alemaña, Italia e Rusia.

Tamén se interveu máis de 200.000 caixas ou empaquetados de diferentes presentacións, todos eles con nomes e inscricións relativos a produtos 100% naturais, así como 400.000 cápsulas de produtos pendentes de analizar e varias etiquetadoras.

Máis de 400 funcionarios e axentes

Hai que resaltar a estreita colaboración dos investigadores dos tres corpos policiais (Policía Nacional, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria), na que finalmente participaron máis de 400 funcionarios e axentes dos tres corpos participantes, coordinados polo Xulgado de Instrución número 8 de Alicante.

Filmación da operación (para descargar os vídeos débese introducir a seguinte dirección web): 

https://we.tl/t-kswN6YO45F