Novidades en Impostos Especiais

No BOE do día 30 de outubro de 2013 publicouse a Lei 16/2013, do 29 de outubro, pola que se establecen determinadas medidas en materia de fiscalidade ambiental e pola que se adoptan outras medidas tributarias e financeiras.

Con relación aos Impostos Especiais establécense as seguintes modificacións:

Créase un novo imposto ambiental;o Imposto sobre os gases fluorados de efecto invernadoiro.

O artigo 5 desta Lei crea, con efectos dende o 1 de xaneiro de 2014, o Imposto sobre os Gases Fluorados de Efecto Invernadoiro, co fin de corrixir as externalidades ambientais ocasionadas polo impacto ambiental da emisión dos devanditos gases.

Trátase dun imposto indirecto que recaerá sobre o consumo destes gases.O imposto gravará, en fase única, a posta a consumo destes produtos atendendo ao seu potencial de quentamento atmosférico.

Está previsto que a competencia para a xestión e a inspección deste novo imposto se atribúa ao Departamento de Alfándegas e Impostos Especiais.

Modifícase a Lei 38/1992, do 28 de decembro, de Impostos Especiais, en materia de exencións do Imposto sobre a Electricidade e do Imposto Especial sobre Determinados Medios de Transporte.Tamén se modifican algunhas epígrafes do Imposto sobre Hidrocarburos.

O artigo 6 desta Lei introduce as seguintes modificacións na Lei 38/1992, de Impostos Especiais:

  • Modifícase o artigo 14, dedicado á repercusión do imposto, para facer unha referencia expresa á forma de proceder no caso das subministracións de gas natural efectuadas nos termos do artigo 50.4 da Lei.
  • Modifícase a epígrafe 1.10 da tarifa 1ª do Imposto sobre Hidrocarburos desdobrando o tipo impositivo reducido do gas natural.A partir de agora hai un tipo reducido (epígrafe 1.10.1) de 0,65 euros por gigajulio para o gas natural destinado a usos distintos aos de carburante, así como ao gas natural destinado ao uso como carburante en motores estacionarios e un tipo superreducido (epígrafe 1.10.2) de 0,15 euros por gigajulio, para o gas natural destinado a usos profesionais sempre e cando non se utilicen en procesos de coxeración e xeración directa ou indirecta de enerxía eléctrica.
  • Introdúcense algunhas modificacións de tipo técnico nas epígrafes da tarifa 2ª do Imposto sobre Hidrocarburos.
  • Engádese un apartado 4 ao artigo 50 da Lei, no que se dispón a forma en que deberán aplicarse os tipos impositivos das epígrafes 1.10.1 e 1.10.2 nas subministracións de gas natural destinado a ser utilizado nunha planta de coxeración de enerxía eléctrica e enerxía térmica útil.
  • Modifícanse os apartados 4, 5 e 6 do artigo 55 da Lei.A modificación consiste, basicamente, na eliminación das sancións non pecuniarias de precintado e inmobilización dos vehículos, artefactos ou embarcacións nos que se detectase o uso indebido de gasóleo con aplicación do tipo reducido.Substitúese esa sanción non pecuniaria pola duplicación do importe das sancións pecuniarias fixas establecidas para tales vehículos, artefactos ou embarcacións, en función da potencia dos respectivos motores.
  • Engádese, con efectividade dende o 1 de xaneiro de 2014, un apartado 3 no artigo 64 quinto da Lei, no que se establece unha exención do 85 por 100 do Imposto sobre a Electricidade para a enerxía eléctrica que se destine a redución química e procesos electrolíticos, a procesos mineralóxicos e a procesos metalúrxicos.
  • Modifícase o artigo 66 da Lei, eliminando o límite de eslora das embarcacións, para os efectos da exención do Imposto Especial sobre Determinados Medios de Transporte para as que se afecten ao exercicio de actividades de aluguer, e engadindo un novo suposto de exención para as embarcacións e buques de recreo ou de deportes náuticos cuxa titularidade corresponda a escolas deportivas náuticas recoñecidas oficialmente pola Dirección Xeneral da Marina Mercante que se destinen ao exercicio da actividade de ensino para o goberno destas.

Reestrutúrase amplamente o "Imposto sobre a produción de combustible nuclear gastado e residuos radiactivos resultantes da xeración de enerxía nucleoeléctrica”.

O artigo 10 introduce modificacións significativas no Imposto sobre a Produción de Combustible Nuclear Gastado e Residuos Resultantes da Xeración de Enerxía Nucleoeléctrica, creado pola Lei 15/2012, do 27 de decembro, de medidas fiscais para a sostibilidade enerxética, cuxa xestión e inspección está atribuída ao Departamento de Alfándegas e Impostos Especiais.

As modificacións consisten basicamente en modificar o feito impoñible, a forma de determinar a base impoñible en determinados supostos, o período impositivo, os pagamentos fraccionados, tanto no relativo á súa periodicidade coma no relativo á base para determinar o seu importe e o prazo para practicar a autoliquidación do imposto.

Como consecuencia de tales cambios, e para adaptarse a estes, este artigo 10 introduce tres novas disposicións transitorias na Lei 15/2012 (terceira, cuarta e quinta.)

A disposición transitoria terceira establece a forma en que se deberá calcular a base impoñible e o importe dos pagamentos fraccionados, naqueles períodos impositivos en que se extraan definitivamente elementos combustibles introducidos no reactor nuclear con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013.

A disposición transitoria cuarta dispón que, con efectos exclusivos para o primeiro período impositivo deste imposto, se considerará como data de inicio do ciclo de operación de cada reactor nuclear o 1 de xaneiro de 2013, agás no caso de que un reactor non contivese combustible nuclear na devandita data, en cuxo caso se iniciará cando se produza a primeara conexión á rede posterior á devandita data.

A disposición transitoria quinta dispón que os contribuíntes por este imposto que á entrada en vigor desta Lei concluísen o seu período impositivo, deberán presentar a autoliquidación deste nos 20 primeiros días naturais do mes de xaneiro de 2014.