Beneficios fiscais no Imposto especial sobre determinados medios de transporte

Vehículos non suxeitos ao Imposto

Os vehículos para persoas con mobilidade reducida encóntranse non suxeitos ao Imposto Especial sobre determinados medios de transporte (IEDMT).

Para efectuar a matriculación do vehículo é necesario presentar ante a Administración tributaria o modelo 06 ao que se acompañase a ficha técnica do vehículo (orixinal e fotocopia). A matriculación do vehículo non esixe o previo recoñecemento da Administración tributaria.

Vehículos exentos do imposto

Pola súa banda, os vehículos automóbiles matriculados a nome de persoas con minusvalidez para o seu uso exclusivo, sempre que concorran os seguintes requisitos, encóntranse exentos do IEDMT:

  1. Que transcorresen polo menos 4 anos dende a matriculación doutro vehículo en análogas condicións. Non obstante, este requisito non se esixirá en supostos de sinistro total dos vehículos, debidamente acreditado.
  2. Que non sexan obxecto dunha transmisión posterior por actos «inter vivos» durante o prazo dos 4 anos seguintes á data da súa matriculación.
  3. Que se obteña a previa certificación de minusvalidez do IMSERSO ou entidade xestora correspondente á Comunidade Autónoma que teña transferida a súa xestión.

Para solicitar a exención presentarase o modelo 05 ante a Administración tributaria, con anterioridade á matriculación do vehículo. En ningún caso, poderá matricularse definitivamente o vehículo ata que non se produza o recoñecemento do beneficio fiscal por parte da Administración.

Á solicitude deberán acompañarse os seguintes documentos:

  • Certificación de invalidez expedida por IMSERSO ou entidade xestora correspondente á Comunidade Autónoma que teña transferida a súa xestión.
  • Ficha Técnica do vehículo.
  • Certificado da Compañía Aseguradora no suposto de producirse sinistro total no seu vehículo adquirido en análogas condicións no transcurso de 4 anos.