5.2.Colaboración social

Os intermediarios fiscais, en canto representantes dos contribuíntes nas súas relacións coa Administración Tributaria, colaboran coa Axencia Tributaria na xestión dos tributos, xa que facilitan aos contribuíntes o coñecemento e comprensión das súas obrigas fiscais e axúdanlles a cumprilas.

Esta colaboración instrumentouse, nas últimas dúas décadas, na presentación telemática de declaracións e outros documentos tributarios en representación de terceiros mediante convenios de colaboración subscritos pola Axencia Tributaria con outras Administracións públicas, con entidades privadas e con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, ata alcanzar, a 31 de decembro de 2014, a cifra de 4.264 convenios ou protocolos de adhesión asinados (116 deles ao longo de 2014).

Como noutros anos, máis da metade das declaracións presentadas por Internet presentáronse por colaboradores sociais (dos que a maioría son profesionais tributarios).

Á vista do importante papel desempeñado polos profesionais tributarios como colaboradores sociais na presentación telemática de declaracións e outros documentos tributarios, a Axencia Tributaria considerou conveniente establecer un novo marco de relación con estes intermediarios fiscais.Para iso, o 30 de marzo de 2011 púxose en funcionamento o Foro de Asociacións e Colexios de Profesionais Tributarios como órgano de relación cooperativa baseada na transparencia e a confianza mutua, que redunde en última instancia en beneficio do contribuínte, favorecendo e facilitando o cumprimento voluntario das súas obrigas fiscais.