Información institucional

  • A Axencia Tributaria, creada polo artigo 103 da Lei 31/1990, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 1991, constituíuse de maneira efectiva no día 1 de xaneiro de 1992.Configurouse como unha entidade de dereito público adscrita ao naquela altura Ministerio de Economía e Facenda a través da antiga Secretaría de Estado de Facenda e Orzamentos.Como tal entidade de dereito público, conta cun réxime xurídico propio diferente ao da Administración xeral do Estado que, sen menoscabo dos principios esenciais que deben presidir toda actuación administrativa, lle confire certa autonomía en materia orzamentaria e de xestión de persoal.

    A Axencia Tributaria ten encomendada a aplicación efectiva do sistema tributario estatal e aduaneiro, así como daqueles recursos doutras administracións públicas nacionais ou da Unión Europea cuxa xestión lle sexa encomendada por lei ou por convenio.

    Por tanto, corresponde á Axencia Tributaria aplicar o sistema tributario de tal forma que se cumpra o principio constitucional en virtude do cal todos teñen que contribuír ao sostemento dos gastos públicos de acordo coa súa capacidade económica.Non obstante, non ten competencias para a elaboración e aprobación de normas tributarias nin, na vertente do gasto público, para asignar os recursos públicos entre as diversas finalidades.

    A función de xestión integral do sistema tributario estatal e aduaneiro materialízase nun amplo conxunto de actividades, entre as que figuran:

    1. A xestión, inspección e recadación dos tributos de titularidade estatal (IRPF, sociedades, imposto sobre a renda de non residentes, IVE e impostos especiais).
    2. A realización de importantes funcións en relación cos ingresos das comunidades autónomas e cidades autónomas, tanto no que atinxe á xestión do imposto sobre a renda das persoas físicas, como á recadación doutros ingresos das referidas comunidades, quer por disposición legal quer mediante os correspondentes convenios de colaboración.
    3. A recadación de ingresos propios da Unión Europea.
    4. A xestión aduaneira e a represión do contrabando.
    5. A recadación en período voluntario das taxas do sector público estatal.
    6. A recadación en vía executiva de ingresos de dereito público da Administración xeral do Estado e dos organismos públicos vinculados ou dependentes dela.
    7. A colaboración na persecución de determinados delitos, entre os que destacan os delitos contra a Facenda Pública e os delitos de contrabando.

    Igualmente, outros órganos autonómicos e locais xestionan tributos propios e tributos cedidos.

    A Axencia Tributaria ten como misión o fomento do cumprimento polos cidadáns das súas obrigas fiscais.Para iso desenvolve dúas liñas de actuación:por un lado, a prestación de servizos de información e asistencia ao contribuínte para minimizar os custos indirectos asociados ao cumprimento das obrigas tributarias e, por outro lado, a detección e regularización dos incumprimentos tributarios mediante actuacións de control.

  • Organigrama
  • Carta de servizos
  • Contas anuais
  • Campañas de publicidade