Información sobre autoliquidacións complementarias

  • Que é unha autoliquidación complementaria?

    Considéranse autoliquidacións complementarias as que se refiran á mesma obriga tributaria e período que outras presentadas con anterioridade e das que resulte un importe a ingresar superior ou unha cantidade a devolver ou a compensar inferior ao importe resultante da autoliquidación anterior, que subsistirá na parte non afectada.

    Cando se pode presentar unha autoliquidación complementaria?

    Só pode presentarse unha autoliquidación complementaria para:

    • Solicitar a devolución ou a compensación dunha cantidade menor.
    • Realizar un ingreso por un importe maior.

    Polo tanto, se un obrigado tributario considera que unha autoliquidación prexudicou os seus intereses lexítimos, unicamente poderá obter a compensación do prexuízo que experimentase iniciando un procedemento de rectificación de autoliquidación.

    Regulación legal

    Tanto o artigo 122 de Lei 58/2003, Xeneral Tributaria, como o artigo 118 do Regulamento Xeral de Aplicación dos Tributos, aprobado polo RD 1065/2007, establecen que as autoliquidacións só poden ser complementarias (nunca poden ter carácter de substitutivas), é dicir, sempre dan como resultado unha contía favorable á Administración, a diferenza do que acontece coas declaracións (por exemplo, declaracións informativas) que poden ter carácter de complementarias ou substitutivas, xa que non levan asociado ingreso ou devolución.

    Características das declaracións complementarias

    1. Sempre debe existir unha autoliquidación anterior presentada á que complementa.Da cota tributaria resultante da autoliquidación complementaria deducirase o importe da autoliquidación inicial.
    2. Se se presenta unha autoliquidación complementaria en relación cunha obriga e período pola que xa se obtivo unha devolución improcedente, en todo ou en parte, débese ingresar a cantidade indebidamente obtida máis a cota que, se é o caso, poida resultar da autoliquidación complementaria.
    3. Na súa presentación fará constar que se trata dunha autoliquidación complementaria, a obriga tributaria e o período ao que se refiren.Débense consignar todos os datos, os novos ou modificados e os que se incluíron na declaración inicial.

    Prazos de presentación

    Poden presentarse dentro do prazo establecido para a súa presentación ou ben con posterioridade a este, sempre que non prescribise o dereito da Administración para determinar a débeda tributaria.Neste último caso, teñen a consideración de extemporáneas e se resulta unha cantidade a ingresar se aplicarán,si non existiu un requirimento previo para a súa presentación, as recargas previstas no artigo 27 da LGT.

    Presentación de autoliquidacións complementarias

    A presentación dunha autoliquidación complementaria realízase cando o erro ocasionado foi en prexuízo da Facenda Pública.Deberase regularizar a situación mediante a presentación do modelo correspondente (o que presentou orixinariamente) do exercicio no que tivo lugar o erro marcando a casa de "complementaria".