Portal Educación Cívico Tributaria. Agencia Tributaria. - Información sobre o Portal de Educación

Xeración T - Axencia Tributaria, coa colaboración do Instituto de Estudios Fiscais.

INTRODUCIÓN PORTAL EDUCACIÓN CÍVICO–TRIBUTARIA

¿Por que preocuparse dunha educación cívico–tributaria?

¿Que se entende por educación cívico–tributaria?

¿Por que a Axencia Estatal de Administración Tributaria, en colaboración co Instituto de Estudos Fiscais, asumiu este proxecto?

¿En que consiste o portal de educación cívico–tributaria?

¿Que poden atopar os profesores no portal de educación cívico–tributaria?

¿Que poden atopar os nenos e adolescentes no portal de educación cívico–tributaria?

¿Como pode facernos chegar a súa opinión sobre o portal de educación cívico–tributaria?


¿Por que preocuparse dunha educación cívico–tributaria?

En ocasións considérase a fiscalidade como un feito que lles afecta soamente aos adultos. Polo tanto, os mozos non terían que preocuparse pola fiscalidade xa que serían totalmente alleos ao feito fiscal ata que se incorporasen á actividade económica e estivesen obrigados ao cumprimento das obrigas tributarias. A educación cívico–tributaria dos cidadáns máis novos carecería, polo tanto, de sentido dende esta perspectiva. Agora ben, ¿é certo que os mozos non exercen actividade económica ningunha?, ¿pode dicirse que os mozos son totalmente alleos ao feito fiscal?

En sociedades que alcanzaron certo grao de desenvolvemento e benestar, os mozos empezan moi pronto a tomar decisións económicas como consumidores de bens e servizos. Polo tanto, dende a vertente dos ingresos públicos, o seu consumo está a xerar ingresos tributarios. Dende a vertente dos gastos públicos, a fiscalidade está posibilitando a igualdade de oportunidades en múltiples aspectos, entre os que destacan a sanidade e a educación, por ser os máis visibles nestes estratos de idade. Sen ese investimento de solidariedade, que se efectúa dende o esforzo tributario achegado polos cidadáns e que se xestiona a través das diferentes administracións públicas, a vida cotiá e as perspectivas de futuro dos mozos serían moi distintas. Por iso, resulta preciso facelos conscientes desta realidade.

Na actualidade, a conduta fiscal é unha pauta que han de incorporar os individuos na súa etapa adulta, sen que se socializasen axeitadamente neste aspecto dende idades temperás. Así adoita reducirse o complexo tema da fiscalidade ao pagamento material dos impostos, e mesmo a canto se lle paga a Facenda, cando o mero pagamento é unha parte importante pero non esgota o significado das obrigas tributarias.

Non cabe dúbida de que a conduta fiscal adulta sería distinta se se educasen axeitadamente os nenos e mozos da sociedade española no feito fiscal, como se vén facendo noutros países (entre outros, Reino Unido, Suecia, Noruega e Estados Unidos). Incorporarían as pautas de conduta propias de individuos que de adultos van vivir nunha cultura democrática que fai da solidariedade tributaria unha dos piares básicos do modo de organizar a súa convivencia social.


¿Que se entende por educación cívico–tributaria?

A educación cívico–tributaria non pretende reducirse ao ensino dunhas prácticas que capaciten para abordar os requirimentos do sistema fiscal. Tampouco se ha de limitar a ser unha exposición académica do sentido e da finalidade dos impostos nunha sociedade democrática.

A educación cívico–tributaria ten como obxectivo primordial transmitir valores e actitudes favorables á responsabilidade fiscal e contrarios ás condutas defraudadoras. Por iso, a súa finalidade non é tanto facilitar contidos académicos como contidos cívicos.

A educación cívico–tributaria hase de tratar como un tema de responsabilidade cidadá que se traduce en asumir as obrigas tributarias, primeiro, porque o manda a lei e, despois, porque se trata dun deber cívico, poñendo de relevo que efectos ten o incumprimento destas obrigas sobre o individuo e sobre a sociedade.

Deste modo, a educación cívico–tributaria debe converterse nun tema para:

A educación cívico–tributaria pretende, polo tanto, proporcionarlles aos cidadáns máis novos uns esquemas conceptuais sobre a responsabilidade fiscal que lles axuden a incorporarse ao seu rol de contribuíntes cunha conciencia clara do que é un comportamento lóxico e racional nunha sociedade democrática. A formación dunha verdadeira conciencia fiscal consiste en asumir que, por riba de opcións e modelos fiscais concretos, cambiantes como é previsible en toda sociedade dinámica, existe unha serie de criterios xustificativos do financiamento solidario das necesidades públicas e comúns. O principal de tales criterios é o de cidadanía, que implica asumir as responsabilidades sociais como unha contrapartida necesaria ao exercicio dos dereitos cívicos.

¿Por que a Axencia Estatal de Administración Tributaria, en colaboración co Instituto de Estudos Fiscais, asumiu este proxecto?

Na opinión pública española existe unha percepción amplamente xeneralizada: o grao de cumprimento fiscal evolucionou positivamente ao longo dos anos de vixencia do actual sistema fiscal, se ben esta evolución positiva se lle atribúe máis ao control exercido pola Administración tributaria que á elevación da conciencia ética ou solidaria dos contribuíntes.

Neste déficit de conciencia fiscal coinciden todos os sectores sociais que, ademais, o conciben como un reflexo parcial dun fenómeno máis amplo: a crise xeneralizada de valores na nosa sociedade.

Xa a Unidade Especial para o Estudo da Fraude incluía, no seu Informe sobre a Fraude en España (UEEF, 1994), varias recomendacións acerca da conveniencia de introducir temas relativos á educación en valores cívico–tributarios no sistema educativo, baseándose nos seguintes datos:

Posteriormente, os datos de sucesivas edicións do barómetro fiscal do Instituto de Estudos Fiscais foron corroborando estas percepcións:

En definitiva, actualmente existe na sociedade española unha demanda de ética civil no relativo ao cumprimento das obrigas tributarias na que coinciden tanto a opinión pública, como os expertos altamente cualificados de diversos sectores sociais, incluídos funcionarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria e os profesores do sector educativo público, e que aínda non tivo unha resposta satisfactoria.

Por iso, o Plan de prevención da fraude fiscal do Ministerio de Economía e Facenda, presentado ao Consello de Ministros o 4 de febreiro de 2005, recomenda o afondamento do programa de educación cívico–tributaria, instando á continuación do programa de educación tributaria dirixido a nenos, mozos e profesorado: xornadas de portas abertas das oficinas da Axencia Tributaria e portal en Internet sobre educación tributaria.

Á súa vez, a Axencia Estatal de Administración Tributaria puido constatar o interese de profesores e alumnos pola materia fiscal nas máis de 1.300 xornadas de portas abertas que leva organizando dende maio de 2003. Nestas xornadas, a Axencia recibiu máis de 39.000 alumnos e máis de 2.600 profesores. Con ocasión da celebración destas xornadas, moitos profesores solicitaron materiais para poder tratar esta cuestión na aula.

Por todo iso a Axencia Estatal de Administración Tributaria, en colaboración co Instituto de Estudos Fiscais, ofrécenlles aos educadores que desexen implicarse nesta actividade educativa unha serie de recursos e materiais para o seu traballo nas aulas e, por suposto, bríndanlles a súa total colaboración.

¿En que consiste o portal de educación cívico–tributaria?

A Axencia Estatal de Administración Tributaria, en colaboración co Instituto de Estudos Fiscais, desenvolveu un portal en Internet de educación cívico–tributaria co propósito de proporcionar os educadores que desexen implicarse nesta actividade materiais e recursos. Elixiuse o medio Internet debido a que é o formato preferido polos nosos rapaces pola súa inmediatez, tecnoloxía moderna, interactividade e facilidade de posta ao día.

A Axencia Estatal de Administración Tributaria non quixo descoñecer a realidade multilingüística do noso país e, por iso, o portal de educación cívico–tributaria está dispoñible en castelán, catalán, galego e valenciano. Ao longo dos próximos meses, concluirase a tradución de todos os contidos do portal.

A Axencia Estatal de Administración Tributaria desexa que o portal de educación cívico–tributaria resulte accesible para todos. Por iso, a aventura gráfica creada para os alumnos cumpre os criterios de accesibilidade e preparouse tamén unha versión só texto da aventura gráfica que resulta conforme cos criterios WAI “Dobre A”.

De forma moi resumida, o portal ten dous accesos diferenciados. Un para profesores e outro para alumnos que, á súa vez, se diferencian por idades: terceiro ciclo de educación primaria, primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria e segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria. Adaptáronse os contidos e a linguaxe empregados aos distintos niveis educativos.

¿Que poden atopar os profesores no portal de educación cívico–tributaria?

A zona do portal de educación cívico–tributaria dedicada aos profesores inclúe materiais didácticos que lle poden servir de apoio ao profesor, en particular:

1. Seis guías didácticas sobre seis temas que se consideraron claves para tratar a educación cívico–tributaria:

As guías inclúen orientacións en canto ao contido e propoñen actividades que se van realizar para os distintos niveis e materias.

2. Dúas presentacións xenéricas sobre os gastos e os ingresos públicos.

3. Un glosario de termos.

4. Bibliografía, que inclúe documentos que se poden descargar no caso de que se desexe afondar nalgunha cuestión.

5. Enlaces de interese.


¿Que poden atopar os nenos e adolescentes no portal de educación cívico–tributaria?

A zona do portal de educación cívico–tributaria destinada aos nenos e adolescentes ten un aspecto máis lúdico. Os nenos e adolescentes achegaranse ao mundo dos gastos e ingresos públicos mediante un paseo por unha cidade virtual. Durante o paseo, que ten unha duración aproximada de 30 minutos, poderán visitar da man dun personaxe da “Xeración T(Xeración Tributaria) distintos “escenarios”: colexio, biblioteca, parque, centro de día, hospital, parque de bombeiros, tren, tenda, oficina, Axencia Tributaria...

Sinopse da historia

En cada escenario, mediante un diálogo entre os personaxes (como nun cómic) inclúense os contidos fiscais. En primeiro lugar, estúdanse determinados servizos públicos próximos ao neno/adolescente co obxecto de que se decate da súa importancia económica e social e se formule como as distintas administracións públicas (Estado, comunidades autónomas, deputacións provinciais e municipios) financian os ditos servizos (colexio, biblioteca, parque, centro de día, hospital, parque de bombeiros, infraestruturas). Tamén se insiste na necesidade de coidar e utilizar ben os servizos públicos que son de todos e que pagamos entre todos.

A continuación, explícase o concepto de imposto e, en particular, o imposto sobre o valor engadido (IVE) e o imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF). Explícase que a Axencia Estatal de Administración Tributaria recada a maioría dos impostos no Estado e faise referencia tamén ás administracións tributarias autonómicas e locais.

Unha vez que coñecen que son os gastos e os ingresos públicos chega o momento de relacionalos. Os recursos son limitados e hai que establecer unha orde de prioridades, decidindo en que se vai gastar e canto e en que non. Para explicar os presupostos públicos, compárase a toma de decisións financeiras nun país coa toma de decisións nunha comunidade de veciños.

Inclúese tamén un escenario no que se explica a importancia de impostos ao longo da historia.

Conclúese cun escenario que “mostra” que pasaría se non houbese impostos.

Funcionamento da aventura

En cada escenario, as personaxes comezan a falar (aparece o primeiro bocadillo). Cando o alumno rematou de ler o bocadillo, pulsa “fin” e aparece o bocadillo da seguinte personaxe e así sucesivamente. Cando concluíu a conversación entre as personaxes, aparecen uns obxectos destacados no escenario (obxectos resaltados de forma luminosa). Estes obxectos conteñen información de interese para o alumno (son os “¿Sabías que...?”). Por último, cando o alumno leu os “¿Sabías que...?” aparece a pregunta que o neno ha de contestar para poder pasar ao escenario seguinte. Se acerta, aparece un cartel de “parabéns” e automaticamente pasa á seguinte escena. Se non acerta, infórmaselle de que se equivocou e indícaselle que o intente de novo. Se nesta segunda oportunidade non acerta, o programa ofrécelle a solución correcta e pásase á seguinte escena.

¿Como pode facernos chegar a súa opinión sobre o portal de educación cívico–tributaria?

Está dispoñible na zona do portal dedicada aos profesores a posibilidade de facernos chegar a súa opinión a través dun sinxelo cuestionario. Agradecémoslles por anticipado a súa opinión que, sen dúbida, nos axudará a mellorar.

Esperamos que o portal de educación cívico–tributaria constitúa unha axuda para os educadores. Dende aquí a Axencia Estatal de Administración Tributaria e o Instituto de Estudos Fiscais queremos darlles as grazas a todos os profesionais dedicados ao mundo da educación e, moi en particular, a todos aqueles que nos animaron a levar a cabo este proxecto.