Beneficios fiscais no IVE

Tributarán ao 4% as operacións relativas a vehículos destinados ao transporte de persoas con discapacidade en cadeiras de rodas ou con mobilidade reducida (1), con independencia de quen sexa o condutor destes, sempre que concorran os seguintes requisitos:


1.º Que transcorresen polo menos 4 anos dende a matriculación doutro vehículo en análogas condicións. Non obstante, este requisito non se esixirá en supostos de sinistro total dos vehículos, debidamente acreditado.
2.º Que non sexan obxecto dunha transmisión posterior por actos «inter vivos» durante o prazo dos catro anos seguintes á data da súa matriculación.
3.º Que se obteña previamente a certificación de discapacidade do IMSERSO ou entidade xestora correspondente á Comunidade Autónoma que teña transferida a súa xestión.

A aplicación do 4% requirirá o previo recoñecemento do dereito pola Administración tributaria, iniciándose mediante solicitude (modelo 04). O devandito recoñecemento, en caso de producirse, fará efecto dende a data da súa solicitude.

Xunto coa solicitude deberase acompañar a documentación que acredite que o destino do vehículo é o transporte habitual da persoa con discapacidade en cadeira de rodas ou con mobilidade reducida.

(1) Consideraranse persoas con mobilidade reducida:

a) As persoas cegas ou con deficiencia visual e, en todo caso, as afiliadas á Organización Nacional de Cegos Españoles (ONCE) que acrediten a súa pertenza a esta mediante o correspondente certificado.
b) Os titulares da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade emitidas polas corporacións locais ou, se é o caso, polas comunidades autónomas.

Deberase acreditar mediante certificado ou resolución expedidos polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (IMSERSO) ou órgano competente da comunidade autónoma correspondente.